Ferido un condutor despois de chocar contra un poste de formigón en Teo (A Coruña)

Archivo - Arquivo - Sede do 112, Axega
112 - Archivo
Publicado: lunes, 31 octubre 2022 9:30

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Oct. (EUROPA PRESS) -

   Un condutor resultou ferido despois de sufrir unha saída de vía, colidir contra un vehículo estacionado e terminar chocando contra un poste de formigón na N-550, á altura da parroquia de San Xoán de Calo, no municipio coruñés de Teo.

   Segundo trasladou o 112 Galicia, o accidente produciuse pouco antes das 06,00 horas. Nese momento, un particular informaba á central de emerxencias desta saída de vía e sinalaba tamén que o poste estaba a piques de caer.

   Aínda que nun primeiro momento non se alertaba de que houbese feridos, pouco despois o condutor do vehículo implicado solicitaba asistencia sanitaria.

   Así, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) deu aviso aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento de estradas.

   Ademais, solicitouse a intervención da compañía eléctrica encargada do poste, xa que quedara danado coa colisión, e tamén para valorar a situación e asegurar a retirada do vehículo.

SAÍDA DE VÍA FENE

   Por outra banda, o 112 Galicia tamén informou de que este luns, sobre as 06,30 horas, rexistrouse un accidente no quilómetro 4,5 da estrada DP-1503, na localidade coruñesa de Fene.

   Neste caso, o propio implicado no sinistro alertaba de que sufrira unha saída de vía á altura da parroquia de Santa Mariña de Sillobre. Ademais, nesta chamada trasladaba que o seu vehículo impactara contra un elemento situado na cuneta.

   Con esta información, os xestores do 112 mobilizaron até o punto a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil de Fene, así como aos servizos de mantemento de estradas.

   Xa no punto, o condutor do vehículo accidentado foi atendido polos servizos sanitario e os operarios de mantemento da vía encargáronse de restablecer as condicións de seguridade da mesma.