Galicia autoriza o control do lobo en casos de danos, pero mantén a súa caza prohibida con carácter xeral

A Xunta busca un punto medio entre a conservación da especie e a protección da gandaría

Archivo - Arquivo - Os lobos ibéricos terían unha "natureza única", resultado da hibridación con cans no pasado.
CSIC - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 11 abril 2025 17:48

   OURENSE, 11 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático aprobou unha nova resolución que permite, baixo estritas condicións, o control poboacional do lobo en Galicia cando se constaten danos sobre a gandaría.

   O lobo, cuxa caza permanece prohibida con carácter xeral, volve así a incluírse como especie sobre a que se poderán autorizar accións específicas, como esperas, batidas e monterías, en determinados casos. Búscase así un equilibrio entre a conservación do lobo, o resto de especies e a gandaría.

   En rolda de prensa, a conselleira Ángeles Vázquez explicou que a medida responde o crecemento sostido da poboación de lobos en Galicia, un 37% nas dúas últimas décadas, pasando de 68 a 93 mandas, e ao incremento do 308% nos avisos por danos desde 2010.

    Ademais, asegurou que o lobo na comunidade xa non é unha especie en perigo de extinción, polo que xa non está incluído na listaxe de máxima protección, senón que volve recuperar o status de especie cinexética, como antes do 2021.

   A resolución, publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), establece que nos meses de abril, maio e xuño, só poderán realizarse esperas, para non interferir coa época de cría doutras especies nin do propio lobo. A diferenza de batidas e montería, onde os cazadores poden ir en busca do animal, nas esperas non se permite rastrexar, senón agardar en puntos concretos onde se rexistrou actividade e danos.

OBXECTIVO DE VIABILIDADE NA BIODIVERSIDADE GALEGA

   "Manter unha poboación viable de lobos, pero manter unha poboación viable de gandeiros e do resto de especies", é o obxectivo segundo Ángeles Vázquez, que fixo referencia á diminución de corzos en certas zonas e outras onde o cabalo galego está a piques de desaparecer, xa que as crías non logran sobrevivir, e en especial a buscar a protección da gandaría extensiva.

    A conselleira insistiu en que a resolución busca compatibilizar a conservación coa protección da economía rural.

   As autorizacións rexeranse polo Plan de xestión do lobo en Galicia aprobado en 2008 e aplicaranse en función de tres zonas de xestión: as zonas 1 e 2 serán competencia das delegacións provinciais, e a zona 3, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

   A normativa detalla que os danos deberán ser previamente comprobados polo Servizo Provincial de Patrimonio Natural. Ademais, será obrigatorio informar os resultados das accións autorizadas nun prazo máximo de cinco días hábiles, e o seu incumprimento poderá supor sancións e a denegación de futuras autorizacións.

   A Xunta destacou que a medida foi acordada cos comités provinciais de caza e o Comité Gallego de Caza, e enmárcase nun modelo de xestión "equilibrado, técnico e legal" que, segundo Vázquez, busca dar resposta a un problema "real e crecente" no medio rural galego.

UNIÓN AGRARIAS

   Precisamente este venres e após a publicación no DOG da resolución, Unións Agrarias solicitou formalmente á Consellería de Medio Ambiente que active de forma urxente medidas de control sobre o esta especie no Concello do Pino.

   Nun comunicado, a organización agraria asegurou que leva facéndose eco dos gandeiros que alertan de constantes ataques a gando na zona e da inacción administrativa e lembrou que a anterior inclusión do lobo no Lespre --que UU.AA. recorreu en vía contencioso-administrativa-- dificultaba calquera actuación, incluso aquelas previstas de forma excepcional na propia normativa estatal.

   Así, a organización sinalou que, nos últimos anos, reclamou sen éxito que Medio Ambiente autorizase intervencións extraordinarias de caza previstas no Lespre en zonas como O Pino ou a Mariña lucense. Con todo, sinala que a consellería se negou sistematicamente, "preferindo aforrarse longos procedementos administrativos e optando polo político co Ministerio".

   UU.AA. asegurou compartir o criterio de que o lobo debe ser unha especie non cinexética en Galicia, excepto en casos excepcionais justificados por danos reiterados ao gando. Unha postura que considera que garante a protección efectiva da especie á vez que permite dar resposta ás explotacións.

   Ademais, sinala que permitirá actuar en casos de risco para as persoas, nas contornas habitadas onde o lobo penetra matando gañado doméstico e cans nas propias portas das casas.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado