Galiza Nova censura a "complicidade" do Goberno e o "beneplácito" do PP á visita do rei emérito a Sanxenxo

Galiza Nova contra a visita do rei emérito Juan Carlos I en Sanxenxo
EUROPA PRESS
Publicado: lunes, 17 abril 2023 14:36

   SANXENXO (PONTEVEDRA) , 17 Abr. (EUROPA PRESS) -

   Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, censurou a "complicidade" do Goberno central e o "beneplácito" do Partido Popular en Galicia coa visita prevista para esta semana do rei emérito Juan Carlos I á localidade pontevedresa de Sanxenxo, onde se lle espera para asistir a un campionato de vela.

   Este luns, un grupo de militantes da organización coa súa secretaria xeral á fronte, Marta Gómez, e o deputado do BNG no Parlamento galego Paulo Ríos protagonizaron un acto xunto á sede do Club Náutico de Sanxenxo para manifestar a súa oposición á visita do emérito por segundo ano consecutivo.

   En declaracións aos medios, Gómez lamentou que os gobernos e os partidos permitan que a visita dun "fuxido da xustiza" quede "impune" e, mesmo, "pase coa complicidade" do Executivo central e da Xunta.

   "Todos os sucesos que rodean a figura do emérito non fan máis que corroborar que a monarquía española é unha institución corrupta e inxusta que non ten cabida neste país", aseverou a responsable de Galiza Nova, que subliñou que o emérito debería volver a España para presentarse ante a xustiza "e ser xulgado polos seus delitos".

   Neste sentido, afirmou que "moitos" veciños de Sanxenxo e a "sociedade" están "descontentos" co feito de que Juan Carlos veña ás Rías Baixas "a pasearse impune polas rúas".

   Por iso, aínda que Galiza Nova non ten intención de convocar accións reivindicativas durante a estancia do emérito en Sanxenxo, avanzou que participarán naquelas que sexan promovidas pola sociedade civil.

   "A monarquía española o único que representa é a dependencia do Estado español e o que fai é impedir que podamos desarollar os nosos proxectos de vida", aseverou antes de apelar a "romper" coa "dependencia" de Galicia con España para que a mocidade "poida desenvolver os seus proxectos de vida nunha República Galega".