A Garda Civil segue pistas "prometedoras" para dar co presunto asasino da muller de Baiona

Porta da casa onde ocorreron os feitos, a 8 de novembro de 2024, en Baiona, Pontevedra, Galicia (España).
PAVI - Europa Press
Publicado: lunes, 11 noviembre 2024 17:55

Os investigadores cren que a exparella da vítima pode seguir "pola zona"

PONTEVEDRA, 11 Nov. (EUROPA PRESS) -

O subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada asegurou este luns que a Garda Civil segue pistas "prometedoras" para dar co presunto asasino da moza de 36 anos, Estela B.S., que foi localizada morta na vivenda da súa exparella na zona das Ínsuas, na parroquia baionesa de Belesar, na madrugada do pasado venres.

En declaracións aos medios con motivo da concentración que se realizou en Pontevedra, despois de que a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmase que a morte de Ronsel foi un crime machista, o tenente coronel Óscar Graña, xefe interino da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, indicou que "de momento" os investigadores cren que a exparella da vítima, Humberto G.R., segue pola zona. "Estamos a buscar na zona, intensificando a procura nesa zona. É coñecedor desa zona e pensamos que debe estar alí", remarcou.

O sospeitoso ten denuncias por violencia de xénero e, de feito, o xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo ditou o pasado mes de abril unha orde de afastamento da vítima, que estaba rexistrada no sistema de seguimento VIOGEN, cualificada como de "risco medio".

Na madrugada do pasado venres, o propio Humberto chamou ao 112 para informar de que se atopou a Estela á porta do seu domicilio e que a meteu na vivenda e tapado cunha manta. Con todo, cando chegaron os sanitarios (que só puideron confirmar o falecemento), o home fuxiu do lugar, alegando que non tiña nada que ver coa morte da moza e que el non ía comerse " ese marrón".

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, pola súa banda, destacou o "esforzo" que está a facer a Garda Civil na procura deste sospeitoso e confirmou que, no dispositivo tamén participan a Policía Nacional, a Policía Local de Vigo e corpos portugueses.

"As pistas prometedoras parece que están aí", reiterou Abel Losada que, que quixo ser cauto nas súas declaracións para "non interferir en absoluto na investigación". Losada pediu "paciencia, especialmente aos medios, á hora de favorecer que a Garda Civil poida facer o traballo da maneira máis discreta posible".

"Estamos a buscar a unha persona que está fuxida e á que non convén darlle ningún 'input' de como se está desenvolvendo o procedemento", dixo Losada.

O tenente coronel Óscar Graña tamén apuntou que este corpo estableceu "diferentes dispositivos de procura". Non temos constancia de que marchase a outra zona, aínda que se alertou a Portugal e á Policía Nacional en Vigo", reafirmou.

MINUTOS DE SILENCIO

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra acolleu un minuto de silencio como expresión de condena e repulsa polo asasinato machista desta muller o pasado venres en Baiona, unha vez que a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou que se trataba dun caso de violencia machista.

Segundo os datos do Ministerio de Igualdade, coa confirmación deste caso, o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero en España ascende a 40 en 2024 (4 delas en Galicia) e a 1.284 desde 2003, cando se empezaron a recompilar estes datos. O número de menores orfos por violencia de xénero en España ascende a 30 en 2024 e a 463 desde 2013.

Nun comunicado, a ministra de Igualdade, Ana Redondo García, e a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Carmen Martínez Perza, expresaron a súa máis absoluta condena e rexeitamento ante este "asasinato machista" e trasladan todo o seu apoio a familiares e amizades das vítimas. Tanto a ministra como a delegada piden "todos os esforzos" desde as institucións, administracións e o conxunto da sociedade "para chegar a tempo e evitar máis mortes".

Ademais deste acto de condena en Pontevedra, tamén houbo concentracións de repulsa convocadas por outras institucións como a Delegación do Goberno en Galicia, o Concello e a Deputación de Lugo.

Na Coruña, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, condenou este "brutal asasinato" que provoca "indignación e dor", e trasladou o seu apoio e o do Goberno aos familiares e achegados de Ronsel, que "non están sós". "Este crime non é só un atentado contra unha muller, senón tamén contra toda a sociedade e contra os valores da igualdade. Non pararemos até erradicar a violencia contra as mulleres, (...) e fago un chamamento á cidadanía para seguir loitando activamente contra este tipo de violencia. Só co compromiso e a implicación de todos poderemos avanzar", proclamou.

Contador

Leer más acerca de: