Gonzalo Caballero retira a súa precandidatura ao proceso de primarias do PSdeG

O exsecretrario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Foto de arquivo
Álvaro Ballesteros - Europa Press
Publicado: domingo, 15 octubre 2023 18:24

   Esgrime que, dado que o PSdeG "opta por outra candidatura", retírase como mostra de "lealdade e responsabilidade"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O que fose secretario xeral do PSdeG e actual parlamentario autonómico, Gonzalo Caballero, anunciou que retira a súa precandidatura ás primarias socialistas.

   Así o fixo saber a través dun comunicado facilitado a Europa Press no que detallou que ante a proximidade das eleccións autonómicas, e constatado durante esta semana que a dirección socialista e os altos cargos do PSdeG "optan por outra candidatura", decidiu retirar a súa por "lealdade e responsabilidade" ante o cambio político que quere para Galicia.

   "Sinto non convencer aos cadros e ao conxunto do partido coas miñas reflexións e chamadas a endereitar o rumbo, pero agora toca facer o mellor para o PSdeG dentro das opcións posibles e no tempo que temos por diante", esgrimiu.

   Así mesmo, agradeceu aos militantes socialistas de Galicia que lle deron "o seu aval apoio e soporte", así como ao seu equipo de primarias pola súa dedicación e apoio á decisión que tomou.

   A continuación, sinalou que "nunca tivo medo" a gañar ou perder primarias, lembrando que xa as gañou e perdeu "noutras ocasións", pero toma esta decisión "pensando no mellor" para o partido ante as "actuais circunstancias a escasos meses dunha convocatoria electoral en Galicia".

   Finalmente, incidiu en que continuará traballando para fortalecer o PSdeG e por ter gobernos socialistas nos concellos, en Galicia e en España. "Necesitamos un PSdeG forte para o cambio político en Galicia", sentenciou.

Leer más acerca de: