As forzas da orde acudiron á casa alertados polos familiares, porque o home se intentara suicidar
OURENSE, 30 Ene. (EUROPA PRESS) -
Un home duns 60 anos, J.A.L., asasinou supostamente a súa esposa V.F.V., de 55 anos, na súa casa da localidade de O Carballiño (Ourense) e despois intentou suicidarse feríndose cun coitelo no colo.
Os feitos sucederon sobre as 21,00 horas do domingo, cando a Policía Local, a Garda Civil e Protección Civil se achegaron ata a vivenda, na rúa Alexandre Bóveda, alertadas polos familiares, que non tiñan noticias da parella dende o sábado e que estaban preocupados porque o home intentara suicidarse a pasada semana saltando dende o tellado.
Despois de infrutuosos intentos por localizar á parella, as forzas da orde entraron na vivenda a través dunha ventá do primeiro piso, subindo enriba dun camión. Ao acceder ao interior, a Garda Civil e a Policía Local atopáronse o corpo sen vida da muller e ao home noutro cuarto cunha arma branca na man.
O home intentou entón autolesionarse facéndose varios cortes no colo, pero foi reducido e esposado polos membros da Garda Civil e da Policía Local, que tras a súa detención o trasladaron ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
EMIGRANTES NATURAIS DO IRIXO
A parella era natural da localidade de O Irixo, próxima a O Carballiño, e foran emigrantes en Suíza, dende onde regresaran había poucos anos. Non tiñan fillos.
Ás 12,00 horas deste luns está convocado un minuto de silencio ás portas da subdelegación do Goberno de Ourense en repulsa por este crime.