O informe do Valedor do Pobo abre un debate sanitario entre PP e a oposición que denuncia as listas de espera

A valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, no pleno do Parlamento
EUROPA PRESS
Publicado: martes, 12 julio 2022 13:33

Fernández Galiño reafírmase na "necesidade" de seguir loitando contra os prexuízos que están na base da discriminación e desigualdade"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Jul. (EUROPA PRESS) -

O informe correspondente a 2021 presentado pola valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, chegou este martes ao seu trámite final coa presentación no pleno da Cámara autonómica, unha exposición que abriu o debate político sanitario entre o PPdeG, que destacou os aspectos "positivos", e a oposición --BNG e PSdeG--, que denunciou o "incumprimento" das listas de espera.

O informe de actividade de 2021 recolle un aumento do 34 por cento no número de asuntos --ao pasar de 2.912 a 3.936--, mentres que se multiplicaron por dous os expedientes --pasando de 5.387 en 2020 a 10.736 en 2021 (dos cales 5.502 foron presentados por mulleres)--.

Así as cousas, as actuacións --que inclúen as queixas colectivas, a atención presencial e telefónica-- ascenderon a 19.544 fronte ás 12.913. A actividade tamén se viu incrementada na cifra de actuacións de oficio, que pasaron a 103 no informe de 2021 (+16%).

En canto ás consellerías, a de Sanidade foi a que concentrou o maior número de asuntos, cun 41,97 por cento. Neste sentido, a pandemia seguiu marcando as queixas e consultas realizadas, sobre todo, vinculados ao proceso de vacinación, o cal foi central os primeiros meses de 2021 até poder inxectar as doses a toda a poboación diana, especialmente aos máis vulnerables.

Precisamente, a cuestión sanitaria concentrou boa parte das discrepancias. De tal maneira, o deputado do BNG Daniel Castro advertiu de que "as casualidades non existen" e "non todo é a pandemia". "É necesario marcar un límite temporal aos pacientes, que están a esperar nun limbo e teñen que ser atendidos", reclamou.

Castro fixo un eloxio ao labor da valedora, á que recoñeceu a necesidade de poder contar con máis medios, e tamén se referiu á falta de persoal para avaliar a dependencia ou a cuestión da vivenda pública: "Pasan os anos e os informes da valedora, e as queixas seguirán crecendo".

Tamén a deputada socialista Noelia Otero avisou de que a Xunta non cumpre cos tempos de espera máximos e que os pacientes son "derivados ao limbo" das esperas unha vez reciben a chamada de teléfono para ser operados nun centro privado, se o rexeitan e, por tanto, deixan de figurar nas estatísticas.

Otero reclamou á Xunta que atenda as suxestións da valedoría galega, entre as que se atopan informar dun horizonte para as operacións aos pacientes.

Os dous grupos da oposición advertiron das agresións lgtbifóbicas, tamén recollidas no informe da valedora. PSdeG e BNG lamentaron que no pleno pasado non saíse adiante unha proposición non de lei na que se pedía que a Xunta se acudise nos casos xudiciais deste tipo, o que Castro tachou de "vergoña", e ao que a deputada popular Paula Prado replicó que saíu adiante unha declaración institucional conxunta.

A parlamentaria popular, fronte á visión dos grupos da oposición, destacou os aspectos "positivos" do informe da Valedora a respecto da Consellería de Sanidade, por exemplo, as comunicacións en galego que se foron resolvendo. Ademais, destacou que boa parte das queixas debéronse ao proceso de vacinación contra a covid, "non polo mal funcionamento" da sanidade.

Prado, por contra, destacou por exemplo que a Deputación de Ourense foi a que menos queixas rexistrou do catro, cun total de seis, e denunciou que o Concello de Pontevedra non escoite á institución comisionada na rotulación dos carteis da cidade, unicamente en galego.

"Hai que garantir os dereitos lingüísticos respecto das dúas linguas", salientou Prado, quen ha aproveitou para acusar ao BNG de "seguir sendo o Bloque do non por moito que se poñan o traxe da moderación". "Son impermeables á moderación", sentenciou.

REPASO DOS PRINCIPAIS DATOS

Durante a súa intervención na sesión plenaria deste martes, Fernández Galiño repasou os principais datos do informe e ratificouse en que hai que estar alerta ante "o risco do retroceso global" en dereitos humanos.

Ademais, e ante as súas señorías, mencionou a todos os colectivos máis vulnerables e, entre eles, fixouse nos maiores para advertir dúas cuestións: por unha banda, a necesidade de que poidan seguir vivindo na súa contorna o máximo tempo posible; e por outro, que non sexan "forzados" a usar medios dixitais en xestións habituais, xa que lles provoca "inseguridade e desconfianza".

Fernández Galiño destacou a "colaboración" coa Mesa pola Normalización Lingüística, que se reforzou " ano a ano", e coas administracións, que se "reflicte nas actuacións que se conclúen positivamente sen ter que chegar a facer unha resolución" e que se "incrementan progresivamente en cada exercicio".

"O ano 2021, como tamén 2020, foi un ano difícil para os dereitos humanos, pero as dificultades non nos deben levar ao desánimo, senón a reforzar o noso compromiso cos dereitos humanos", remarcou a valedora.

Por iso, renovou votos no seu compromiso e a "necesidade" de "continuar a loita contra os prexuízos que están na base da discriminación e desigualdade, sempre con este enfoque de dereitos humanos que debe guiar a institución da Valedora do Pobo, e pondo a vista no horizonte marcado nos obxectivos de desenvolvemento sustentable na Axenda 2030".

Leer más acerca de: