Institucións e sociedade civil de Galicia gardan un minuto de silencio en repulsa do crime machista de Viveiro (Lugo)

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro (4i), durante un minuto de silencio polo asasinato machista de Rejane, de 42 anos, fronte ao Concello de Viveiro, a 19 de decembro de 2024, en Viveiro, Lugo, Galicia (España). A muller de orixe brasileira foi agarra
Carlos Castro - Europa Press
Publicado: jueves, 19 diciembre 2024 17:17

   A Marcha Mundial das Mulleres convoca protestas para este venres polo asasinato de Rejane, o quinto feminicidio de 2024 na Comunidade

   LUGO / SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Dic. (EUROPA PRESS) -

   A Xunta, o Goberno central, o Parlamento galego e diversos concellos e deputacións, acompañados da sociedade civil, manifestaron este xoves a súa repulsa polo asasinato de Rejane S.G. en Viveiro (Lugo) a mans da súa parella. O presunto autor, que estivo ingresado durante horas tras tentar quitarse a vida, está detido e este venres pasará a disposición xudicial.

   As mensaxes de agarimo e solidariedade coa familia --especialmente, co fillo da vítima-- e os chamamentos a denunciar a violencia de xénero foron constantes nos diversos puntos de Galicia nos que houbo actos.

   Ademais, as principais cidades e vilas de Galicia acollerán este venres diversas convocatorias en protesta por este "feminicidio" --o quinto de 2024 na Comunidade e o número 46 a nivel esatal-- convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres.

   En Viveiro, centos de persoas participaron nunha concentración ao mediodía na que a alcaldesa, María Loureiro, manifestou a "consternación" de todos os veciños por este crime e tivo palabras de ánimo para o fillo de Rejane, que era de orixe brasileira pero residía na parroquia de Covas.

   Na Xunta, a porta principal de Presidencia en San Caetano --Santiago-- acolleu un minuto de silencio encabezado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e no que tamén participaron o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e os directores xerais de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e Promoción da Igualdade, María Quintiana, entre outros.

   Tamén as diferentes delegacións territoriais da Xunta acolleron estas homenaxes. Desde a capital galega, a conselleira expresou que "hoxe Galicia está conmocionada" e "de loito" polo asasinato de Rejane.

   Fabiola García aproveitou para dirixirse a "todas as mulleres de Galicia que viven día a día a violencia de xénero nas súas casas" para que "non aguante nin un minuto máis" e denuncien a través do 016, que é un "teléfono confidencial e gratuíto", así como ás forzas e corpos de seguridade do Estado.

   En termos similares pronunciouse ao longo da mañá o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen insistiu na importancia de denunciar aos agresores. No caso do crime de Viveiro, non constaban antecedentes de violencia machista.

"XA BASTA"

   Nun acto en Ourense horas antes de participar, sobre as 13.00, nunha concentración na Coruña na sede da Delegación do Goberno, Blanco enviou o seu "agarimo" e "solidariedade" a "a familia, o fillo e os achegados" de Rejane e proclamou que "xa basta": "Non nos podemos permitir nin unha máis".

   En Lugo, representantes do Concello, da Deputación e outros representantes acudiron á Subdelegación do Goberno na provincia. A subdelegada, Isabel Rodríguez, deu lectura a un manifesto de condena por este crime e, a continuación, gardouse un minuto de silencio que se rompeu cun aplauso de todos os presentes.

   A subdelegada destacou "a profunda conmoción" que este crime causou na provincia e a importancia "de manter a unidade" ante esta "lacra", á vez que reafirmou o seu "compromiso absoluto" coas políticas de prevención e protección fronte á violencia de xénero coa implicación de todas as institucións e a cidadanía. "Só unidos poderemos pór fin a este horror", concluíu.

   Tamén no portón do Parlamento de Galicia, en Santiago, tivo lugar unha concentración e un minuto de silencio por este crime machista no que participaron o presidente da Cámara, Miguel Santalices, o conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, así como portavoces dos grupos, deputados e traballadores da propia institución.

Contador

Leer más acerca de: