Investigan a morte dunha muller en Baiona como posible homicidio por violencia de xénero e buscan á súa exparella

921686.1.260.149.20241108103236
Vídeo de la noticia
Investigan la muerte de una mujer en Baiona como posible caso de violencia de género y buscan a su expareja - PAVI-EUROPA PRESS
Actualizado: viernes, 8 noviembre 2024 15:29

O home, que ten orde de afastamento, foi quen avisou do achado do corpo, pero fuxiu antes de chegaren os axentes

   VIGO, 8 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Garda Civil investiga a morte violenta dunha muller de 36 anos de idade, E.B.S., cuxo cadáver foi localizado á primeira hora da mañá deste venres na vivenda da súa exparella en Baiona (Pontevedra), segundo confirmaron fontes da Comandancia de Pontevedra e da Subdelegación do Goberno.

As mesmas fontes explicaron que o corpo presentaba golpes e signos de violencia, aínda que haberá que esperar á autopsia para concretar sen dúbidas a causa do falecemento. Con todo, sinalaron, a investigación céntrase nun posible homicidio por violencia de xénero.

Polo momento, apuntaron desde a Garda Civil, non se produciron detencións en relación con este crime, ocorrido na zona das Ínsuas, na parroquia baionesa de Belesar, pero estáse a buscar á exparella, que foi denunciada por violencia de xénero e que tiña unha orde de afastamento.

Segundo confirmou o subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, e puido saber Europa Press, o aviso sobre a aparición do corpo deuno a propia exparella da vítima, que informou á Garda Civil de que a atopara ás portas da súa vivenda e que, após metela no domicilio e tapala cunha manta, chamou aos servizos sanitarios.

FUXIDA DO LUGAR

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informou de que recibiu a chamada sobre as 4,35 horas da madrugada e enviou ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico medicalizada cun equipo de Atención Primaria. Cando chegaron ao lugar, os sanitarios só puideron confirmar o falecemento.

Abel Losada explicou que, á chegada do persoal do 061, a exparella da moza "negou ter relación co falecemento" e fuxiu correndo. Así, cando chegaron os efectivos da Garda Civil, o home xa non se atopaba no domicilio e, polo momento, non foi localizado.

A vítima estaba rexistrada no sistema VIOGEN como un caso de "risco medio", explicou o subdelegado, e o home ten unha orde de afastamento, ditada polo xulgado de instrución 4 de Vigo, que lle impide achegarse a menos de 200 metros dela.

O subdelegado -- que xa contactou co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, para informar do ocorrido e para trasladar as condolencias a familiares, amigos e veciños desta localidade -- pediu "prudencia" e "paciencia" para deixar que a Garda Civil faga o seu traballo, e en consideración cos achegados de E.B.S., que se atopan "sumidos na consternación".

DESPREGAMENTO NA ZONA

Desde primeira hora despregáronse na zona axentes de Policía Xudicial da Garda Civil e de Policía Local (que retiraron dous cans, supostamente do sospeitoso, que se atopaban nas inmediacións do domicilio) e polo lugar, un barrio no rural baionés, sobrevoa un dron.

O corpo de E.B.S., que deixa orfa unha nena pequena, foi xa levantado pola comisión xudicial sobre as 9,00 horas, pero mantense o despregamento de axentes, e toda a contorna do domicilio onde foi localizado o corpo da muller está acordoado.

Por outra banda, o alcalde de Baiona confirmou que se atopa pendente de que se confirmen as circunstancias do falecemento pero que, en todo caso, está en contacto coa familia, á que lle ofreceron apoio psicolóxico.

Contador