Lara Méndez cre que "a pouco que faga Rueda, fará máis" que Feijóo para Lugo: "En 11 anos non foi capaz de inaugurar nad

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez (PSdeG-PSOE), nunha entrevista concedida a Europa  Press
CARLOS CASTRO/EUROPA PRESS
Publicado: sábado, 21 mayo 2022 12:09

   A alcaldesa, "disposta" a presentarse á reelección, márcase como reto obter un apoio maioritario que lle permita "gobernar en solitario"

   Ve ao PSdeG en condicións de ser a forza máis votada nas municipais, cita que "reforzará" o liderado de Formoso

   LUGO, 21 May. (EUROPA PRESS) -

   A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez (Suíza, 1972), considera que "a pouco que faga" o novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "fará máis" que o seu antecesor no cargo, Alberto Núñez Feijóo, a quen afea que en 11 anos non fose capaz de "inaugurar absolutamente nada" na cidade.

   "É certo que hai expedientes complexos e sabemos da complexidade, pero se en 11 anos uno non é capaz de executar nin de inaugurar absolutamente nada, pois evidentemente hai unha falta de compromiso", sostén a rexedora nunha entrevista concedida a Europa Press a un ano das municipais que se celebrarán en maio de 2023.

   Lara Méndez tende a "man" ao novo presidente da Xunta. "Porémonos á súa disposición para colaborar e que cambien as circunstancias e tamén as relacións e, evidentemente, ten unha situación fácil porque, a pouco que faga, fará máis que o seu antecesor", considera.

   Así as cousas, lembra as "demandas históricas" da cidade, con proxectos como o Plan Paradai, "que leva máis de 20 anos iniciado", e cita tamén outros asuntos "irrenunciables" para o seu goberno como "o museo da romanización" ou unha mellora das infraestruturas que "permita seguir crecendo á cidade".

   Sobre o crecemento da cidade, Lara Méndez pon en valor a súa xestión "moi positiva" e destaca que, a pesar das dificultades derivadas da pandemia e da guerra de Ucraína, o Concello de Lugo continúa coa transformación iniciada no pasado mandato, que logrou unha "visibilización" da cidade no ámbito "nacional e internacional".

   "Nos sete anos que levo de alcaldesa, tanto no pasado mandato coma neste, o que estamos é sentando as bases do Lugo da próxima década e, por tanto, hai que ter tamén altura de miras e ver máis aló da inmediatez", considera.

"DISPOSTA" A PRESENTASE Á REELECCIÓN

    Na entrevista concedida a Europa Press a un ano dos comicios locais e preguntada sobre se optará á reelección, a rexedora móstrase "disposta" a presentarse. "Non só estou disposta, senón que estarei encantada de recibir o apoio da cidadanía para seguir transformando a cidade", destaca convencida de que "as transformacións, cando son de calado, non se fan en dous días, senón que requiren tempo".

   De cara a esta cita coas urnas, a alcaldesa de Lugo asegura que sairá "co interese, o desexo e mesmo o convencemento de ter o maior apoio social" que lle permita "mesmo ter a posibilidade de gobernar en solitario".

   Con todo, de non conseguir esta maioría, explica que, de ser necesario, non terá "ningún problema" en volver sentar co seu actual socio de goberno, o Bloque Nacionalista Galego. "Haberá que sentar de novo, haberá que fixar un acordo programático que cambiará, porque afortunadamente temos a maior parte do acordo xa cumprido, porque tiñamos unha base sólida do pasado mandato --no que o PSOE gobernou en minoría-- e isto favorece moito que podamos desenvolver ese acordo programático".

   Preguntada pola súa relación cos nacionalistas nun mandato no que ambas as formacións evidenciaron diferenzas nalgúns asuntos, afirma que "está como estaba", "cumprindo o acordo programático". "O acordo programático está claro, as bases estaban asentadas e a folla de ruta está establecida. Fóra de aí, somos dúas forzas políticas que nalgúns posicionamentos somos contrarios ou non temos o mesmo formulación, nese caso, cada un ten a súa opinión e a súa voz", explica.

   A rexedora insiste en que se trata dun goberno formado por "dous partidos". "Isto tamén temos que normalizalo. Estamos a ver como cada vez hai máis pluralidade en todas as administracións, na local, a autonómica, na estatal, nas provinciais... E por tanto, hai que normalizalos", considera.

   Con todo, deixa claro que, "por encima", hai unha "cabeza visible da institución" que no caso de Lugo é ela mesma como alcaldesa. "E por tanto, eu marco e coordino toda a acción de goberno máis aló de que, no que respecta simplemente á área, cada un poida tomar as decisións do día a día".

ASEGURA QUE O PSDEG SERÁ PRIMEIRA FORZA NAS MUNICIPAIS

   Na entrevista, a tamén vicesecretaria xeral do PSdeG móstrase convencida de que o Partido Socialista de Galicia logrará ser primeira forza nos comicios municipais de 2023. "Somos un partido con vocación de goberno, aspiramos a gobernar porque sabemos que desde as administracións é onde hai capacidade transformadora", destaca.

   Neste sentido, pon en valor que, desde que Valentín González Formoso se fixo coas rendas da formación en Galicia, os socialistas galegos teñen a "directriz" de ser "alternativa de goberno" e non "de oposición".

   Neste punto, sobre se esta cita coas urnas suporá o primeiro exame de Formoso como líder do PSdeG, considera de que "as responsabilidades, os logros e os erros tamén poden ser compartidos" e recoñece que o modo no que o partido afronte esta cita "repercutirá".

   "Pero eu estou convencida de que imos ter moi bos resultados nas municipais e que isto vai reforzar o liderado de Valentín González Formoso", subliña.

DEBATE SOBRE A LISTA MÁIS VOTADA

   Cuestionada pola proposta lanzada polos populares galegos ao PSdeG para alcanzar un acordo global para que goberne a lista máis votada, Lara Méndez censurou a "dobre vara de medir" e o "dobre discurso que utiliza" o PP con este asunto para "confundir á cidadanía co único fin de poder gobernar".

   Así, considera que os populares "só queren utilizar este procedemento nalgúns lugares". "Porque noutros ben que se suma e acóllese a buscar pactos de goberno. Vémolo nos casos de Andalucía e Castela e León e, ademais, válelles calquera socio de goberno. Non teñen ningún tipo de pudor en dicir unha cousa hoxe e pactar outra cousa ao día seguinte", remarca.

   Con todo, afirma que o PSdeG "non rexeita nunca ningún debate". "Iso sería un debate a ter, nós non rexeitamos ningún debate, pero trataríase dun cambio normativo, habería que ir a un cambio da norma de eleccións", considera para asegurar que "o que non pode ser é que "cando lles interesa, goberne a lista máis votada, e cando non, cuestiona os pactos lexítimos".

Leer más acerca de: