Localizados os dous socios de Ourense e A Coruña cos que o Centro Galego de Valencia non podía contactar

Efectos da DANA no municipio de Alfafar, a 30 de outubro de 2024, en Valencia, Comunidade Valenciana (España).
Rober Solsona - Europa Press
Publicado: jueves, 31 octubre 2024 13:44

    SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Oct. (EUROPA PRESS) -

   O presidente do Centro Galego de Valencia, Manuel Fortes, explicou que puido contactar cos seus dous socios que viven en Paiporta, a zona cero da DANA, e lamentou que as condicións "seguen sendo dantescas".

    "Xa están localizados. Non tiñan cobertura nos móbiles e esta mañá recibín o SMS dun dos socios que nos faltaba por situar e explicoume que estaba ben", detallou Fortes, consultado por Europa Press.

    Sobre a orixe destas dúas persoas, Fortes indicou que un é da provincia de Ourense e outro orixinario da Coruña.

   A asociación ten o seu centro social en Massanassa, un dos municipios nos que a DANA causou máis estragos, e na mañá deste xoves puido falar con varios veciños da zona.

    "Explicáronme que entrou case un metro de auga na planta baixa, está cheo de barro, do mesmo xeito que todo o pobo. É imposible acceder á zona, parece un campo de guerra, con coches amontoados e é imposible entrar", lamentou.

    Así mesmo, puntualizou que sobre as 12.00 horas deste xoves a Comunidade Valenciana enviou unha alerta aos cidadáns para que limitasen os desprazamentos e facilitar os labores dos servizos de emerxencias.

Contador