Descarta un parque de bombeiros en Mugardos malia a "inquietude" social e cre que o comarcal de Ferrol empezará a funcionar este ano
FERROL, 6 Feb. (EUROPA PRESS) -
O conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, asegurou hoxe que "chegou a hora de Ferrol" e que esta cidade será un dos motores da industrialización de Galicia grazas ás actuacións previstas e xa desenvolvidas polo Goberno e que están a permitir recuperar o volume de inversión e de emprego na zona de Ferrolterra.
Preguntado nun acto en Ares sobre o novo Plan Ferrol proposto polo PP --que se aprobaría en Consello de Ministros con prazos e investimentos concretos--, Méndez Romeu respondeu que "os cidadáns están a estas alturas en condicións de emitir o seu voto sabendo perfectamente quen lles fala e de que lles fala".
Neste sentido, resaltou que os investimentos do Goberno de España nos últimos anos "non teñen precedente ningún" e que, aínda que "se"poderán discutir actuacións puntuais", a inversión global "é absolutamente superior" á implemientada polos gobernos 'populares'.
Para Méndez Romeu, a finalización do porto exterior ou das autovías de conexión, a posta en valor dos estaleiros e o conxunto de polígonos industriais que os rodean --en Fene, en Narón ou nas Somozas--, son a garantía do futuro da bisbarra: "isto obríganos a mirar o territorio dun modo distinto e a aproveitar as oportunidades que temos diante de nós".
O conselleiro de Presidencia subliñou, ademais, o compromiso do Goberno de Rodríguez Zapatero, ao seu xuízo plasmado nos presupostos para 2008, para "conseguir que Galicia se incorpore ás outras comunidades situadas na parte rica e desenvolvida de España".
Un obxectivo no que afirmou que está tamén implicada a Xunta de Galicia, o que xa se demostra nas cifras actuais de crecemento económico e en "algo intanxible, pero moi importante", como o feito de Galicia se estea a converter en país receptor de inmigrantes. "Polo tanto, sobre declaracións máis ou menos fantásticas, permítame que non perda máis tempo", concluíu.
EMERXENCIAS EN MUGARDOS.
Por outra banda, o conselleiro de Presidencia tamén se referiu a "certa inquietude" existente no Concello de Mugardos ante a existencia de instalacións con riscos especiais.
Neste sentido, insistiu en que Mugardos, ao igual que outros municipios da zona como Ares, non precisan un servizo propio de bombeiros, xa que a Lei solo obriga a dispoñer destas instalacións ás localidades de máis de 20.000 habitantes.
"Os concellos de menos de 20.000 habitantes non deben ter unha carga económica á que non están obrigados por Lei", explicou Méndez Romeu, e destacou que a situación de Mugardos se está a analizar no contexto da reestruturación dos Grumir (Grupos de Intervención Municipal Rápida) que a Xunta xa formulou á Federación Galega de Municipios.
Así mesmo, Méndez Romeu mostrou a súa confianza en que neste ano 2008 comece a funcionar o parque comarcal de bombeiros de Ferrol, pendente de que se ultime co Concello ferrolano a fórmula de financiamento. A Deputación e a Xunta son as institucións que cubrirán a maior parte da inversión, e así, explicou, consignouse xa para 2008.
EXPONAV O 10 DE MARZO.
Méndez Romeu confirmou ademais que o 10 de marzo se inaugurará a Fundación da Exposición Naval de Ferrol, "un acontecemento histórico" para a cidade, xa que a Exponav "será un dos motores do desenvolvemento cultural e turístico de Ferrol e de todo o norte de Galicia".
O conselleiro realizou estas declaracións tras participar nun acto institucional en Ares, con motivo da adquisición do antigo edificio da Cooperativa de Produtores do Campo de Cervás, que será destinado a usos sociais e para o que Presidencia destina 90.000 euros a través dun convenio de colaboración asinado co Concello.
Méndez resaltou a importancia das cooperativas agrarias e gandeiras para a modernización do campo e anunciou que as instalacións de Cervás se utilizarán para crear "unha infraestrutura de carácter sociocultural que sirva aos veciños" e que permita "garantir" que as zonas rurais "non sexan soa lugares de segunda residencia".