"O modelo BNG" nos concellos, idea central da campaña dos nacionalistas para as municipais

A deputada do BNG Olalla Rodil presenta as lemas de campaña dos nacionalistas para as eleccións municipais.
BNG
Publicado: viernes, 10 marzo 2023 12:22

   O 26 de marzo celebrarán "un gran acto" en Santiago con candidatos, simpatizantes e representantes da formación

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -

   O BNG porá en valor o seu "modelo" nos concellos como idea central da campaña das municipais do próximo 28 de maio. Así, segundo avanzou Olalla Rodil en rolda de prensa, nesta campaña utilizarán dous lemas diferenciados nos lugares nos que son oposición e nos que forman parte do goberno.

   Deste xeito, nos primeiros, a idea central será que eses concellos "merecen moito máis". Neste sentido, poderanse ver carteis coas caras do cabeza de lista acompañados do nome do Concello e o lema 'Merece moito máis!'. Como exemplo, Rodil sinalou municipios como Santiago de Compostela ou Betanzos.

   No caso dos concellos nos que gobernan, a intención é trasladar "unha idea de continuidade do proxecto de goberno", baixo o lema 'Máis por vir!', tamén acompañado da fotografía da cabeza de lista correspondente. Estas opcións poderanse ver, tal e como destacou, en localidades como Pontevedra ou Ribadeo.

   Visualmente, o BNG continuará coa gama de cores que usou nos últimos tempos, que achegan "optimismo e frescura", así como cun "xogo visual" coa figura dun corazón.

   Rodil asegurou que estes comicios supoñen "un enorme reto", que preparan co obxectivo de "conseguir un resultado histórico" e co convencemento de que van ser "a forza política que máis creza".

   "Saímos a por todas, con espírito gañador, con toda a humildade e coa máxima ambición para obter máis alcaldías, gobernos, e concelleiros", reivindicou.

   Para iso, explicou que a campaña estará enfocada na "posta en valor do modelo BNG nos concellos", que son "referencia en toda Galicia" e que apostan "pola mellora da calidade de vida" ou "pola dinamización económica e social das localidades".

TRES IDEAS

   Trátase dun modelo "claro e coñecido" e que ten como base "tres ideas fundamentais". A primeira, relatou, que "o modelo BNG é sinónimo de rigor e xestión"; a segunda, "o coñecemento da realidade e do seu potencial"; e a terceira, "pór ás persoas no centro das políticas".

   "En base a ese modelo, desde comezos deste ano estamos a traballar coa idea dunha nova Galicia, concello a concello, que seguiremos usando como lema central para todo o país", detallou Rodil.

   Ademais, asegurou que continuarán tratando de "avanzar nun cambio político" que, na súa opinión, "xa comezou despois das eleccións en 2020". "Ese cambio galego ten unha referencia clara con Ana Pontón como cabeza dese proxecto político", lembrou.

ACTO O DÍA 26

   Así mesmo, Rodil avanzou que, "para pór todo a funcionar", van organizar un "gran encontro" o vindeiro domingo 26 de marzo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.

   Alí reuniranse unhas 1.500 persoas entre candidatos, simpatizantes e representantes do BNG. Os nacionalistas esperan que sexa "un gran acto" co que dar comezo a "unha intensa precampaña" cara ás municipais, nas que se mostran convencidos de que serán "a forza que máis sume".

Leer más acerca de: