Un mozo falece e outro resulta ferido de gravidade após unha saída de vía en Noia (A Coruña)

Publicado: lunes, 25 diciembre 2023 9:50

A CORUÑA, 25 Dic. (EUROPA PRESS) -

Un mozo faleceu e outro, o seu irmán, resultou ferido de gravidade após unha saída de vía no municipio coruñés de Noia, segundo informa o servizo de emerxencias 112 no seu parte de incidencias.

Un equipo do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) desprazouse até o lugar para prestar axuda aos familiares do mozo falecido e do seu irmán, ferido de gravidade após producirse o accidente.

O suceso ocorreu ás 22,15 da pasada noite, hora na que o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular alertando do suceso.

No seu relato indicaba que un vehículo se saíu da vía en Carracido, na parroquia de Barro (Noia), e impactara contra outro estacionado. Os ocupantes do vehículo estaban atrapados e precisaban asistencia sanitaria urxente.

Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, aos membros do GES de Noia e aos axentes da Garda Civil.

Unha vez no punto, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia o falecemento dun dos ocupantes e o traslado do outro, que se atopaba gravemente ferido. Ademais, as dúas vítimas tiveron que ser excarceradas.

Debido ás condicións deste sinistro, desde o 112 Galicia activáronse os protocolos necesarios para a disposición dos profesionais especializados na atención psicolóxica ante graves emerxencias e catástrofes (GIPCE).