Novo enfrontamento pola sanidade no Parlamento: Rueda acusa á oposición de buscar "rédito político"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, responde as preguntas da oposición no Parlamento. Pazo do Hórreo, Santiago de Compostela, 22/02/23.
XUNTA
Publicado: miércoles, 22 febrero 2023 12:53

   Pontón (BNG) pregunta polos 2.339 millóns de euros de "recortes" en Primaria desde 2009 e Rueda atribúeo ao aforro farmacéutico

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O Parlamento galego volveu a vivir uns xa habituais cara a cara do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos portavoces oposición --BNG e PSdeG-- á conta da sanidade. Os deste mércores foron os primeiros enfrontamentos no hemiciclo despois da mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública o pasado 12 de febreiro en Santiago, hai xa 10 días.

   Tanto a líder do BNG, Ana Pontón, como o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, reclamaron a Rueda que "escoite" o clamor desta protesta que cualificaron como "histórica". Con todo, o titular do Goberno galego volveu a acusarlles de buscar "rédito político" cos servizos públicos.

   Pontón comezou a súa intervención advertindo ao presidente que "o cambio político" en Galicia "é imparable", porque os galegos "están fartos dun goberno que está convertido nun perigo para a súa saúde despois de 14 anos de recortes".

   "Sabe por que hai listas de espera para ter cita co médico de cabeceira? Sabe por que hai 194 concellos sen pediatra? Sabe por que hai máis de 60 consultorios que pecharon coa escusa da covid e non reabriron? Sabe por que hai PAC que non teñen médicos? A razón chámase 2.339 millóns de euros menos en Atención Primaria", esgrimiu a líder da oposición, quen ha ir debullando este "buraco negro" de cifras ano a ano, entre 2009 e 2022.

   Na súa resposta, Rueda ironizou con "como se lle ve o 'plumero'" a Ana Pontón, porque empezou falando da manifestación de Santiago "e aos 15 segundos o cambia polos obxectivos políticos do Bloque". Para o presidente, ao BNG "non lle interesa" que a sanidade "funcione ben" porque "canto peor funcione, mellor pensa que lle vai a ir".

AFORRO EN GASTO FARMACÉUTICO

   Dito isto, acusou a Pontón de "falsear" e "terxiversar cifras", posto que os 2.339 millóns de euros que denuncia que non se investiron se deben, segundo Rueda, ao aforro en gasto farmacéutico ao longo destes anos, desde as normas aprobadas nos primeiros anos do expresidente Alberto Núñez Feijóo.

   Non en balde, o titular da Xunta volveu a tirar de ironía para atacar á portavoz do BNG polos seus "20 anos de política profesional". "Iso si, sen xestionar nin un euro de diñeiro público", apostilou.

   Disto serviuse Pontón para preguntarlle despois, na réplica, se "non ten máis nada que achegar á política galega" que acudir ao Parlamento a "insultar" e "facer oposición ao BNG", o que provocou as risas da bancada popular.

   "Vostede chegou á Presidencia sen pasar por unhas eleccións. De momento é presidente da Xunta pero compórtase coma se xa estivese na oposición. Asuma que está na Presidencia e póñase a traballar", contraatacou, porque a cidadanía "non sae a manifestarse por deporte".

   Na súa quenda de peche, Rueda achacou a Pontón a súa "pel fina" e negou que lle faltase ao respecto, mentres que lle afeou que é "imposible ter un debate serio con cifras". Nese momento, a líder do BNG exhibiu desde o seu escano un papel con estes números e o presidente respondeu con ironía: "Xa sabemos que ten unha impresora en casa".

   O titular do Goberno galego insistiu en negar os "recortes" no Sergas: dispón de "1.300 millóns de euros máis" neste 2023 que en 2009, hai "7.000 profesionais máis" e un "1,5 por cento menos de gasto en concertos con hospitais privados" que no bipartito.

PSDEG VE "ABANDONO" DOS SERVIZOS PÚBLICOS

   En termos similares transcorreu o debate co portavoz parlamentario socialista. Luís Álvarez referiuse, en xeral, ao "déficit moi importante" que hai nos servizos públicos galegos, que están en situación de "abandono" a pesar de que a Xunta conta "cos maiores presupostos da historia".

   En educación, hai "817 docentes menos" que co bipartito e "46.000 alumnos menos teñen os libros gratuítos"; en dependencia, Galicia é a décima comunidade en gasto por habitante e "primeira en déficit de prazas" de residencias; e en vivenda, "deixáronse sen executar 400 millóns de euros" e "hai 16.000 persoas no rexistro de demandantes de vivenda".

   No caso concreto da sanidade, Álvarez acusou ao PP de "mentir" porque o Executivo de Pedro Sánchez lanzou na próxima convocatoria "o dobre" de prazas MIR que "calquera dos anos de Goberno de Mariano Rajoy", co que a taxa de reposición no emprego público "era do 10 por cento".

"RÉDITO POLÍTICO"

   Ante as preguntas do portavoz do PSdeG, Rueda defendeu que a Xunta xa está a aprobar medidas. En sanidade, afeoulle a súa presenza na manifestación do día 12 e que o comparase coas mobilizacións tras o desastre do 'Prestige'.

   "Xa se ve para que fai estas denuncias, para sacar rédito político, non para outra cousa", arremeteu Rueda, quen rememorou as polémicas palabras do deputado socialista en Madrid Antonio Carmona cando dixo que ían "sobrados de votos" e que se faltaban podían "afundir outro barco".

   "Que pasa, tan mal se ve que agora teñen que afundir o barco dos servizos públicos e da sanidade pública?", preguntoulle a Álvarez.

   Neste contexto, pediulle ao socialista que esixa ao Ministerio de Sanidade que faga "algo máis" en lugar de "endurecer" os criterios dos centros de saúde para poder formar máis MIR cando "todo o mundo está a dicir que é o camiño contrario ao que hai que tomar".

   Nesta liña, lamentou que Pedro Sánchez pretenda "facer política" con este asunto, porque ten "unha estratexia clarísima de desgaste" do PSOE ás comunidades. Por iso, demandou ao Goberno central que "polo menos non estorbe e deixe traballar aos demais".

FONDOS EUROPEOS

   No tocante á vivenda, Rueda acusou ao Estado de non remitir ás autonomías os fondos europeos --"En canto empecen a traspasalos, executarémolos", garantiu-- e relacionouno coa comisión que desde a Unión Europea visitará España para ver "por que non se están executando adecuadamente" estas contías.

   Na súa segunda intervención, o portavoz do PSdeG suxeriulle que "non se preocupe", porque o Goberno central "vai pór a disposición da comisión toda a documentación e todas as estratexias" desenvolvidas respecto diso. "Igual se ten vostede que retractar, pero aínda sendo necesario ese retracto, non espero que o faga", espetou Álvarez.

   Tampouco deixou o presidente da Xunta sen mencionar as "pelexas internas" que hai no Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana tras as dimisións provocadas polo deseño dos trens de Cantabria; os "600 agresores sexuais" beneficiados pola lei do 'só si é si'; nin a reforma do sistema de financiamento autonómico, que está "paralizada".

   "En Galicia necesitamos máis recursos para financiar os servizos públicos polos que vostede --a Álvarez-- pregunta", sentenciou.

Leer más acerca de: