Reclama tamén outro para o sector naval en Vigo, demanda que tampouco apoiaron os populares
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Nov. (EUROPA PRESS) -
O BNG e o PSdeG esixiron no Parlamento galego, na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, un plan de industrialización para a comarca da Mariña, a través dunha proposición non de lei presentada polos nacionalistas, con emenda socialista, pero que non saíu adiante polos votos en contra do PPdeG.
Tampouco o fixo outra presentada polo PSdeG para reclamar un plan de reactivación do sector naval en Vigo. Neste caso, os socialistas non aceptaron a emenda dos populares ao considerar que no texto presentado eludíase "calquera responsabilidade" da Xunta na situación dos estaleiros.
En concreto, a iniciativa do BNG, coa emenda socialista, pedía, entre outras cuestións, incorporar nos orzamentos da Xunta unha partida orzamentaria para un plan de industrialización na Mariña, incluíndo medidas concretas e un calendario de execución.
O deputado nacionalista Daniel Castro aceptou incorporar a emenda do PPdeG, que trasladaba o apoio aos traballadores de Vestas e demandaba ao Goberno central que procedese á intervención pública de Alcoa en San Cibrao de forma transitoria, se se votaban todos os puntos --os da oposición e os do PPdeG--, algo que rexeitou o deputado popular Miguel Tellado.
REPROCHES
Entre ambos, houbo reproches despois de que o parlamentario do PPdeG acusase a BNG e PSdeG de buscar "diluír responsabilidades" na crise da Mariña e de "palanganeo político". "É unha crise industrial derivada da política enerxética do goberno de Sánchez", argumentou.
"En 1996 e coa reforma de 2013 crearon este marco enerxético", replicou o deputado nacionalista, quen pediu "respecto á verdade" en relación á situación de Alcoa. "Se non existise esa reforma laboral --a impulsada polo PP-- se cadra poderíase haber parado o ERE", dixo sobre Vestas.
"A Mariña dixo xa abonda", expuxo, á súa vez, sobre a mobilización deste mércores a deputada socialista Patricia Otero, quen apelou ás "competencias" do Goberno galego nesta materia. Pola súa banda, Tellado demandou ao Executivo central que "se involucre" e asegurou que na protesta da Mariña botou "en falta" á vicepresidenta Yolanda Díaz.
NAVAL DE VIGO
Nesta mesma comisión, tampouco saíu adiante unha proposición non de lei dos socialistas instando á Xunta a pór en funcionamento un plan de reactivación do sector naval privado da ría de Vigo e a reforzar a colaboración público-privada, así como a contribuír con fondos autonómicos para financiar a débeda do estaleiro Barreras.
Tanto a parlamentaria socialista Noelia Otero como a do BNG Carme González denunciaron a "pasividade" da Xunta e a "falta de políticas industriais" ante a situación dos estaleiros vigueses. Tamén aludiron ao "gran fracaso de Pemex" e alertaron da "situación crítica" de Barreras.
Fronte a estes reproches, a deputada do PP Teresa Egerique argumentou que o Goberno galego "sempre apoiou ao sector naval" e atribuíu a responsabilidade ao Executivo central. "A SEPI non cumpriu cos compromisos que tivo con Barreras", indicou.