Os fogares galegos aumentaron o seu gasto en bens e servizos culturais en 2015, ata superar os 587 euros

 Festival Danza En La Villa
EP/BEATRIZ VELASCO
Actualizado: lunes, 28 noviembre 2016 19:54

Sobe o consumo de espectáculos e publicacións periódicas mentres cae o de libros que non sexan de texto

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Nov. (EUROPA PRESS) -

Os fogares galegos aumentaron o seu gasto en bens e servizos culturais en 2015 con respecto ás cifras do ano anterior, ao pasar dun gasto medio de 509,6 euros a 587,7. Tamén a inversión por persoa en Galicia creceu, dos 201,9 euros de 2014 ata os 235 do último exercicio.

Estes datos están extraidos do Anuario de Estatísticas Culturais 2016 difundido este luns polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e que recolle Europa Press.

Nese informe tamén se recolle que, atendendo ao gasto absoluto, en Galicia foron 635,8 millóns de euros os invertido polos galegos en cultura no ano 2015, unha cifra que se sitúa bastante por enriba dos 548,6 millóns de euros de 2014.

Seguindo cos valores absolutos, o consumo de libros caeu dende os 44,6 ata os 34,4 millóns de euros, se ben as publicacións periódicas aumentaron as súas vendas ao pasar 54,8 a 62,4 millóns de euros.

Mentres tanto, os fondos destinados a servizos culturais pasaron de 47,6 a 52,2 millóns de euros; os enfocados a equipos e accesorios audiovisuais, fotográficos e cinematográficos descenderon de 64,4 a 63,5 millóns de euros e os invertidos en tratamento da información e Internet aumentaron dende os 191,1 ata os 194,8 millóns.

DETALLE DOS FOGARES

Atendendo ao gasto medio por fogar, en Galicia caeu o consumo dos libros que non son de texto (de 41,4 a 31,8 euros) pero subiu o de publicacións periódicas (de 50,9 a 57,7 euros por familia).

En espectáculos, os fondos pasaron de 44,2 a 48,3 euros por fogar e baixaron os equipos e accesorios audiovisuais, fotográficos e cinematográficos (de 59,8 euros a 58,7) mentres rexistraron un repunte os pensados para o tratamento da información e Internet (de 177,6 a 180,1 euros).

O resto do diñeiro invertido polas familias en cultura en 2015 ata os mencionados 587,7 euros agrúpase baixo distintos epígrafes co título doutros.