Deciden a súa marcha no terceiro día de protesta após un encontro con persoal de Medio Rural, aínda que prevén futuras mobilizacións
OURENSE, 8 Feb. (EUROPA PRESS) -
Os agricultores e gandeiros desprazados desde distintos puntos da provincia de Ourense até a capital decidiron levantar a tractorada e regresar aos municipios de Xinzo de Limia, Montederramo e Maceda para preparar o entroido, pero avanzaron que crearán unha plataforma na que aglutinarán as reivindicacións e futuras mobilizacións do sector.
Todo iso despois de que este xoves representantes da caravana de tractores mantivesen unha reunión na sede do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo dependente da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia que abona os fondos agrícolas de Europa.
Ao redor de medio centenar de agricultores e gandeiros acudiron até o edificio da rúa do Paseo, onde accederon parte dos representantes para manter unha reunión que se prolongou máis de tres horas e na que, ademais de técnicos do Fogga, tamén os atendeu o xefe territorial de Medio Rural en Ourense.
"Imos facer unha plataforma agrogandeira de Ourense co nome que queiramos entre todos, para cando fagamos as próximas manifestacións ir cun nome e un referente que nos represente a todos xuntos, non vir co nome persoal de ninguén", avanzou Miguel Gómez, gandeiro e portavoz da caravana de tractores.
El mesmo explicou que, após lograr que os representantes do Fogga escoiten as demandas do sector, abandonan a cidade das Burgas, como xa anunciaran o mércores, para preparar aos animais e as explotacións agrogandeiras antes de gozar do entroido coas familias, posto que "é unha época moi importante no rural ourensán", con gran peso na comarca da Limia, moi representada na caravana.
CONTINUARÁN COAS PROTESTAS
No entanto, aseguraron que continuarán coas protestas e coas súas reivindicacións, pero non especificaron nin cando nin como, aínda que si deixaron claro: "Seguiremos loitando polo rural".
Ao longo dos tres días manifestouse ante a Subdelegación do Goberno para reclamar melloras para o sector. O primeiro día, martes, non conseguiron ser atendidos polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, polo que pegaron na porta do edificio o manifesto no que sinalan as principais peticións, aínda que o mércores xa foron atendidos e celebraron que o representante do Executivo central na provincia trasladará as súas reivindicacións ao Goberno.
Demandan "uns prezos xustos", que baixen o combustible e unha nova PAC con "flexibilidade" nos contidos e a implantación do caderno dixital, tendo en conta que aumenta a súa carga de traballo burocrático. Pon o foco especialmente nos ecoesquemas de pastoreo e sega, nos que insisten que é necesario que "se adapten" ao territorio galego.
Do mesmo xeito que pasou no resto de xornadas, este xoves insistiron en desmarcarse de calquera vinculación política, pois fan fincapé en que defenden o seu "sen involucración nin de partidos políticos nin de sindicatos".
Así as cousas, despois de que os tractores estivesen aparcados durante tres días ao redor da sede do Executivo central en Ourense, ao redor das 17.30 horas deste 8 de febreiro abandonaron a cidade das Burgas, o que provocou conxestións e retencións temporais do tráfico na zona da ponte do Milenio para poder incorporarse á estrada N-525.
POSTURA DO CONSELLEIRO
Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, explicou que persoal do seu departamento atendeu nesta xornada as demandas os gandeiros en Ourense, que "teñen que ver con esa lexislación comunitaria" da que a Xunta "leva xa tempo advertindo de que traía consigo trabas burocráticas".
"Advertimos claramente que esta era unha PAC con moitas máis trabas burocráticas", explica González en declaracións este xoves en Santiago. "E non é unha cuestión de que o diga o conselleiro, é unha cuestión de que está posto nas diferentes alegacións, nas diferentes conferencias sectoriais, nas diferentes cartas que mandamos con apoio das organizacións agrarias, con apoio do resto de comunidades autónomas da cornixa cantábrica", relata.
Por iso, "hoxe estase vendo, evidentemente, ese hartazgo de agricultores e gandeiros sobre trabas burocráticas e máis esixencias ou requirimentos ambientais". Remarca que "os maiores defensores do medioambiente son os agricultores e gandeiros", pero cre que non se pode "levalos a unha situación na que se pon en perigo a súa viabilidade económica".
Deste xeito, insiste en demandar ao Ministerio de Agricultura "que se sitúe claramente fronte a Europa, defendendo unha moratoria de toda esta lexislación que leva trabas burocráticas e estas esixencias ambientais excesivas".
"Non é unha cuestión de Galicia, non é só unha cuestión de España, senón que é unha cuestión europea", opina o conselleiro do Medio Rural. Por tal motivo, considera que a UE debe realizar maiores avances para "garantir a viabilidade económica" das explotacións.