Carlos Castro - Europa Press
SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Abr. (EUROPA PRESS) -
Uns poucos traballadores entraron á fábrica de Sargadelos en Cervo (Lugo) á hora do comezo da súa quenda este luns, segundo informa o representante de CC.OO. José Antonio Zan. Outros aceptaron ir de vacacións, como decidiu o dono de maneira repentina o pasado venres, e o groso segue ás portas da planta.
No medio do pulso que mantén o propietario de Sargadelos a Traballo --dúas empregadas desenvolveron silicoses e os inspectores pídenlle medidas para adecuar a factoría ás normativas de seguridade e saúde laboral--, o pasado xoves foi o primeiro día que Segismundo García decidiu o peche das portas da fábrica, polo que o cadro de produción pasou a mañá no exterior.
O venres repetiuse a xogada, coa excepción de que a dirección chamou aos empregados, segundo informou a alcaldesa de Cervo, Dolores García, para pedirlles ou ben que aceptasen ir esta semana de vacacións ou ben asinar que entrarían na planta baixo a súa responsabilidade.
A maior parte do cadro --asesorado por representantes sindicais, pero sen comité desde hai anos-- rexeitou calquera das dúas opcións, aínda que algúns si accederon a adiantar vacacións e outros entrar na planta "baixo a súa responsabilidade".
En todo momento, a Inspección de Traballo matizou que non obrigaba a pechar as instalacións, senón que daba un prazo para que a dirección de Sargadelos emendase até 36 deficiencias detectadas. A maiores, impuxo unha multa de 5.000 euros ao empresario.