O Partido Galeguista presenta un informe xurídico para avalar que Castelao sexa nomeado primeiro presidente de Galicia

Archivo - Arquivo - Homenaxe a Castelao na Igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: martes, 24 enero 2023 18:00

SANTIAGO DE COMPOSTELA 24 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Partido Galeguista presentou un informe xurídico co que queren avalar o recoñecemento, por parte do Parlamento de Galicia e da Xunta, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como "primeiro presidente" da autonomía galega.

Así, o documento xurídico, que asinan Avogados e Consultores Pérez-Lema, lembra que Castelao foi o primeiro presidente do Consello de Galiza (novembro de 1944-xaneiro 1950) e era o Consello o "representante fideicomisario da vontade plebiscitaria de Galicia de 1936", sendo así Castelao "protopresidente da Galicia autonómica recoñecida, e en boa medida, reinstaurada en 1981". Engade que Castelao era "presidente fideicomisario elixido os deputados de Galicia que gozaban de "liberdade de acción".

O documento xurídico engade que, neste sentido, o principio democrático "esixe" este recoñecemento de Castelao como presidente fideicomisario ou protopresidente. "E o mesmo principio democrático permite definilo como o primeiro presidente da Galicia autonómica e democrática", sentenza.

Así, o Partido Galeguista e as entidades da emigración de Buenos Aires presentaron unha petición aos portavoces dos grupos parlamentarios e ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, para o recoñecemento institucional de Daniel Alfonso Manuel Rodríguez Castelao como "primeiro presidente de Galicia", para o que as primeiras institucións galegas deben dispensar honras e protocolos propios a este recoñecemento. Tamén piden iniciativas que divulguen o seu ideario no conxunto da sociedade galega.

No comunicado difundido a medios, o Partido Galeguista e entidades do exterior entenden que a próxima celebración do nacemento de Castelao o 29 de xaneiro de 1886 "é unha oportunidade histórica para instalar no conxunto da sociedade e no mundo os valores democráticos, humanistas e de defensa de 'A Nosa Terra' que levaron a Castelao á presidencia do Consello de Galiza, no exilio porteño, en 1944".

Leer más acerca de: