Plácido Álvarez, vicepresidente de Baltar na Deputación de Ourense, repetirá no grupo provincial do PP

Deputación De Ourense Acordos Dá Xunta De Goberno Do 5 De Xuño De 2023
DIPUTACIÓN DE OURENSE
Publicado: jueves, 22 junio 2023 18:59

   A alcaldesa de Bande e outro cinco concelleiros do municipio non acoden á votación

   OURENSE, 22 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O alcalde de Muíños e un dos vicepresidenes de Manuel Baltar na Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, repetirá este próximo mandato no grupo provincial do PP tras resultar elixido este xoves como deputado polo partido xudicial de Bande.

   Unha vez constituídos os concellos o pasado sábado en toda a provincia --agás Celanova, Carballeda de Valdeorras e Castro Caldelas--, os concelleiros comezaron esta semana a elixir os deputados provinciais. Tras O Carballiño, O Ribeiro e Trives, este xoves sumábase Plácido Álvarez á lista dos xa confirmados, concretamente por Bande.

   Esta Xunta Electoral engloba os municipios de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, Calvos de Randín, Padrenda e Verea, aínda que neste último concello non hai representación do Partido Popular.

   Segundo puido saber Europa Press, a candidatura de Álvarez --recoñecido 'baltarista' con dúas décadas de experiencia na Deputación-- foi apoiada por todos os concellos agás pola rexedora de Bande, Sandra Quintas, e os outros cinco concelleiros do PP no municipio, porque non acudiron á votación.

   Así a todo, o alcalde de Muíños volverá formar parte da corporación provincial para o mandato 2023-2027 dentro do Grupo Popular, tomando posesión da súa acta de deputado na sesión de investidura que se celebrará no mes de xullo.

DÚAS DÉCADAS NA DEPUTACIÓN

   Será a primeira vez en 33 anos que a institución non estará presidida polo apelido Baltar, despois de que a semana pasada se coñecese a renuncia de Manuel Baltar, quen herdara o cargo do seu pai, José Luís Baltar, en 2012.

   Aínda se descoñece quen dirixirá a Deputación de Ourense, que presumiblemente será alguén do PP como lista máis votada, a un escano da maioría absoluta, despois do acordo alcanzado coa partido Democracia Ourensá, que lidera o alcalde da capital provincial, Gonzalo Pérez Jácome.

   "É unha profunda honra ser de novo elixido deputado polos meus compañeiros", manifestou Plácido Álvarez, quen ocupa o cargo de deputado desde 2003 e o de vicepresidente da institución desde o ano 2009.

LIÑAS ESTRATÉXICAS

   "Sen dúbida esta designación é unha gran responsabilidade e impúlsame a traballar con aínda máis forza e compromiso por este territorio e por toda a provincia", dixo o rexedor de Muíños, que remarcou a necesidade de continuar "profundando" nas liñas estratéxicas da Deputación.

   En concreto, o deputado por Bande puxo o foco en desenvolver novas iniciativas que "loiten contra a crise demográfica" e "dinamicen o territorio" a través de "apostas clave" como "facilitar" o emprendemento, o turismo e o deporte así como "políticas para a mocidade e a continua mellora dos servizos públicos".

RUEDA ACONSELLA "CONSENSO"

   Mentres, en Santiago de Compostela, co o transfondo da substitución de Manuel Baltar pendente, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aconsellou este xoves "o maior consenso posible" e "participación" como garantía de máis "estabilidade" no proceso aberto para elixir os deputados que conformarán o grupo provincial do PP en Ourense neste mandato.

   Así o trasladou nun contexto no que xa hai varios deputados ratificados tras as convocatorias das Xuntas Electorais de Zona. Na provincia de Ourense, polo partido xudicial do Ribeiro, foi elixido o alcalde de Ribadavia, César Fernández; pola do Carballiño, a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres; e pola de Trives o alcalde de Sant Xoán de Río, Miguel Pérez 'Chemi', aos que se suma Plácido Álvarez por Bande.

   Este venres está prevista a elección do partido xudicial de Monterrei, mentres que Valdeorras, do mesmo xeito que o de Ourense, terá que esperar. Neste último, está pendente de resolverse un recurso contencioso electoral exposto por Celanova Decida, formación do rexedor, Antonio Puga. Mentres tanto, en Carballeda de Valdeorras está por constituírse o pleno tras un recurso interposto polo único concelleiro dun partido independente.

   Sen a constitución de Celanova, aprázase a elección de 15 do total dos 25 deputados do pleno, entre eles todos os que terán o BNG e Democracia Ourensana --tres cada un--, así como tres do sete do PSOE e seis dos doce do PP.

Leer más acerca de: