O pleno de investidura arrincará o martes 10 ás 9,30 coa intervención do candidato Alfonso Rueda

Reunión da xunta de portavoces do Parlamento de Galicia
EUROPA PRESS
Publicado: jueves, 5 mayo 2022 16:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA 5 May. (EUROPA PRESS) -

O pleno de investidura que culminará co actual vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, como sexto presidente da autonomía galega, arrincará o vindeiro martes 10 de maio ás 9,30 horas, algo máis cedo que o habitual na Cámara galega. Ao finalizar, como é habitual, haberá unha valoración dos grupos.

Transcorridas 48 horas desde que termine o seu discurso inicial o candidato, o pleno volverá reunirse (o xoves 12, a unha hora por determinar) para que interveñan os grupos parlamentarios e expresen o seu sentido do voto, que a oposición xa avanzou e ratificou que será un "non", aínda que a maioría absoluta do PPdeG fará presidente a Alfonso Rueda.

O xoves será a xornada máis intensa, na que ademais dos grupos parlamentarios, que intervirán durante 35 minutos de menor a maior como marca a norma parlamentaria --PSdeG, BNG e PPdeG--, o candidato á presidencia terá tempo ilimitado para responder --a cada un ou de forma acumulada-- ao tres portavoces.

Haberá unha segunda quenda de dez minutos para os grupos parlamentarios e pechará o debate Alfonso Rueda, que non terá máximo de intervención en ningún dos casos.

Após o debate, producirase a votación, na que a maioría de 42 deputados do Grupo Popular imporase ao 'non' da oposición, con 33 escanos, e, por tanto Rueda asumirá as rendas de San Caetano.

Está prevista que a investidura do dirixente pontevedrés, aos seus 53 anos, sexa o sábado 14, após ser comunicada a decisión do pleno ao Rei Felipe VI por parte do presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

SEXTO PRESIDENTE

Natural de Pontevedra, onde naceu o 8 de xullo de 1968, Rueda accede ao cargo após unha traxectoria política ligada a Feijóo, de quen até agora exercía como vicepresidente primeiro da Xunta, e de quen 'herda' o cargo após unha dimisión sen precedentes na historia da autonomía galega por parte dun presidente en metade de lexislatura.

Casado e con dúas fillas, o que se converterá en sexto presidente autonómico de Galicia é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago e secretario municipal en excedencia --ten a praza en Marín--.

Ademais, no 18 Congreso extraordinario que o PPdeG prevé celebrar en Pontevedra os días 21 e 22 de maio, Alfonso Rueda converterase tamén no líder dos populares galegos e, conforme marcan os estatutos, en candidato popular para 2024.

'Herda' a Presidencia da Xunta de Feijóo, quen a deixou para dirixir o PP estatal 13 anos e uns poucos días despois de tomar posesión do seu cargo após a súa primeira vitoria electoral en 2009. O de Os Peares, que votará na investidura polo seu sucesor antes de deixar o seu escano, conseguiu sumar catro maiorías absolutas consecutivas.