Pontón (BNG) arroupa aos candidatos de Arzúa, Boimorto, Curtis, Melide, Toques, Santiso e Vilasantar (A Coruña)

Ana Pontón cos candidatos ás alcaldías de Arzúa, Curtis, Boimorto, Melide, Santiago, Vilasantar e Toques.
BNG
Publicado: domingo, 23 abril 2023 17:40

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este domingo na presentación dos candidatos de Arzúa (Xesús Carril), Boimorto (Mini Rivas), Curtis (Lucas Quintas), Melide (Xesús Pereira), Toques (José Ángel Penas), Santiso (Manoel Adán) e Vilasantar (Álvaro García).

   "No BNG sabemos perfectamente que non hai Galicia posible sen o rural", reivindicou Pontón, que se mostrou convencida de que "un rural activo, produtivo e con servizos é un rural vivo e habitable".

   Tal e como trasladou a formación nacionalista, Pontón destacou que o BNG aposta polas "calidades e cualidades dun modo de vida máis sustentable, máis lento, máis apegado aos ritmos propios da terra, pero que tamén é motor de impulso e desenvolvemento".

   Así mesmo, a líder do Bloque insistiu na necesidade de facer da comarca da Montaña "un lugar onde vivir e crecer, un lugar onde crear ás nosas fillas e fillos, un horizonte de benestar para a xente de aquí a partir do 28M".

   "Dígoo con convencemento", manifestou, "porque os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas".

   Na súa intervención, Pontón tamén criticou ao Goberno galego, "insensible aos problemas da xente, instalado na rutina e incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galicia adiante".

   Nesta liña, fixo referencia ao último anuncio de Rueda, "dicindo, sen porse colorado, que durante 14 anos de goberno deixaron de lado a construción de vivenda protexida porque non sabía que o acceso á vivenda era un problema para a cidadanía".

   Pola contra, defendeu, o BNG é "perfecto coñecedor das dificultades da xente para acceder a unha vivenda", e acordouse, en especial, "da xente nova que ten traballos precarios e salarios baixos e non pode pagar un aluguer e as familias que ven como os alugueres subiron un 30% de media nas grandes cidades nos últimos anos".

Leer más acerca de: