SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Mar. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou este sábado contra os beneficios dos bancos e as empresas eléctricas mentres é a "maioría social" a que sofre a crise de prezos e as subidas dos tipos de interese.
Durante un acto de precampaña na Estrada (Pontevedra), onde presentou ao candidato nacionalista á Alcaldía, Xoán Reices, Pontón denunciou que o pasado ano os beneficios empresariais aumentasen "un 21%" mmientras os salarios só o fixeron "un 3%".
Neste contexto, a líder do Bloque cualificou de "duro golpe para as economías familiares, un abuso, un escándalo e un auténtico atraco" as subidas hipotecarias e a alza dos tipos de interese do Banco Central Europeo avanzada esta semana.
É, dixo Pontón, un "auténtico disparate" subirlle a hipoteca a 175.000 familias en Galicia cando a banca aínda non devolveu "90.000 millóns de euros do rescate" concedido na anterior crise financeira.
Por iso, avanzou que o BNG volverá levar ao Parlamento galego unha proposta para que a Xunta "poña ás persoas por diante da banca" e habilite un fondo de rescate hipotecario que xa foi rexeitado no pleno co 'non' da maioría absoluta do PPdeG.
Permitir a aprobación desta proposta, sentenciou a líder da oposición galega, "é o que faría un goberno decente".