SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 May. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentouse como a "alternativa" nas próximas eleccións autonómicas e como "presidenta coas mans libres" para "defender os intereses" dos galegos. "Empezou a conta atrás para un cambio de goberno, que desde o BNG aspiramos a liderar, desde a humildade, confianza nos galegos e nas posibilidades inmensas que ten este país", proclamou.
Na súa primeira valoración após a intervención do candidato á Presidencia, Pontón observou "un discurso autocomplaciente, desapegado dos problemas e sen idea de futuro, que representa o pasado e até isto notábase nas bancadas do PP, en que había de todo menos entusiasmo".
Fronte a iso, a dirixente do Bloque, que tendeu a man a todos aqueles que leven a Galicia "na cabeza e corazón", situou "un BNG que representa unha alternativa, que sabe que este país pode saír adiante, pero necesita outras ideas" para, entre outras cuestións, "superar a maior crise de prezos".
Pontón, que intervirá o vindeiro xoves na quenda de grupos parlamentarios, apuntou que alí debullará as alternativas dun goberno presidido por ela, como un plan de 200 millóns de euros para a atención primaria.