Pontón (BNG) critica que a costa galega siga "indefensa" e "baixo o control de Madrid" após 20 anos do Prestige

Ana Pontón no acto deste sábado.
BNG
Publicado: sábado, 19 noviembre 2022 16:44


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Nov. (EUROPA PRESS) -

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, criticou que a costa galega siga "indefensa" e "baixo o control de Madrid" a pesar de que xa transcorreron 20 anos do afundimento do Prestige.

Así o sinalou Pontón este sábado na Costa da Morte nun acto que coincide co 20 aniversario da catástrofe, que tivo a esa comarca como 'zona cero' do desastre.

"É evidente que non se cumpriu nin coa Costa da Morte nin con Galicia", lamentou a líder nacionalista, que aproveitou o simbolismo desta data para destacar a "dignidade" coa que o pobo galego reaccionou fronte ás "mentiras, a manipulación e a incompetencia do Goberno do PP, no Estado e na Xunta".

Por todo iso, segundo recolle o BNG nun comunicado, Ana Pontón insistiu en reclamar a transferencia das competencias de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña "porque ninguén mellor que Galicia para entender e defender a costa e o mar".

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

No mesmo acto, Pontón presentou o proxecto municipal do BNG para a Costa da Morte centrado na economía, os servizos públicos e a mobilidade. "Temos alternativas para darlle futuro a esta comarca", reivindicou.

Así, deu a coñecer as persoas que encabezarán as candidaturas do Bloque nestas localidades coruñesas, con Ramón Noceda, en Carnota; Xurxo Rodríguez Baña, en Camariñas; Serxio Domínguez, en Cee; Carlos Fernández, en Muxía; Xan Carlos Sar, en Fisterra; Manuel Muíño, en Zas, e Xaime Trillo, en Dumbría.

"É evidente que non se cumpriu coa Costa da Morte e tamén que non se están facendo as cousas ben porque esta comarca está a perder oportunidades e vai a menos", denunciou a nacionalista, quen lamentou a caída da poboación na zona.

"Menos poboación e máis envellecida, porque quen marcha é precisamente a xente nova por falta de traballo, polo continuo recorte en servizos básicos e por falta de servizos tecnolóxicos, como ter conexión a Internet de alta velocidade e a prezos competitivos" argumentou.

Coa intención de darlle a volta a esta situación, o BNG presentou un proxecto municipal co denominador común de dinamizar o tecido económico local, reforzar os servizos públicos e dotar á Costa da Morte dun servizo de transporte que permita a mobilidade da poboación.

Leer más acerca de: