A líder nacionalista pregúntase se se está en "condicións de afirmar" que non hai vinculación co derrube da ponte na A-6
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Jul. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "ataque á democracia" o feito de que o seis grandes construtoras do Estado leven 25 anos "pactando a licitación de obra pública", é dicir, "25 anos facendo trampa para repartirse miles de millóns de euros en contratos públicos". Así, pide un inventario das obras en Galicia.
Para a líder nacionalista, que unha presa de multinacionais "estafen a un Estado durante 25 anos, marcando as súas propias regras, evidencia que o sistema democrático non funciona". Ao mesmo tempo, considera "sorprendente" que durante décadas "se producise unha estafa masiva na contratación pública sen que nin o Goberno do PP nin o Goberno do PSOE detectasen esa fraude a todos os contribuíntes".
Ao fío diso, lembrou que se acaba de derrubar un viaduto na A-6, unha ponte que levaba 20 anos en funcionamento construído, precisamente, por unha UTE integrada por dúas desas multinacionais sancionadas, FCC e ACS.
"Estamos en condicións de asegurar que esta ponte non se derrubou precisamente como consecuencia dun proceso de licitación das obras viciado e asentado nunha estafa?", preguntouse Pontón.
É máis, advertiu de que "un mes despois do derrube, ninguén asumiu responsabilidades". "E por iso denunciamos un pacto de silencio PP-PSOE para protexer os intereses que, desde logo, non son os dos galegos".
Para o BNG é "evidente" tamén que o sistema de control e sanción ante estas multinacionais "non funciona e hai que cambialo", empezando, engadiu, por incrementar as sancións para que "estafar na contratación non sexa rendible".
"A Comisión Nacional da Competencia fixo un traballo de investigación loable, pero é evidente que 204 millóns de sanción a estas multinacionais é irrisoria en comparación cos beneficios multitudinarios que obtiveron, por iso hai que aumentar as sancións ata que as multas fagan inviable a estafa", esgrimiu.
INVENTARIO DE OBRAS
Á marxe diso, o BNG pide ao Goberno da Xunta un inventario das grandes obras públicas adxudicadas nos últimos 25 anos en Galicia, incluíndo orzamentos e empresas adxudicatarias.
"Destapado a fraude, a cidadanía ten dereito a saber a contía das obras adxudicadas a estas multinacionais multadas por estafa", concluíu.