SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Abr. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrouse convencida dun resultado "histórico" do Bloque Nacionalista Galego nos próximos comicios municipais. Así se expresou na Festa da Ostra de Arcade, no municipio pontevedrés de Soutomaior, onde estivo co candidato do BNG á Alcaldía, Manuel Loureiro.
Alí, a líder do BNG afirmou que teñen un proxecto político e un modelo municipal "de éxito" que hoxe é recoñecido "como un referente en toda Galicia". Neste sentido, puxo en valor que os gobernos municipais do Bloque son gobernos "de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, transparentes, e melloran a vida das persoas".
Sobre o Concello de Soutomaior, Pontón asegurou que necesita un cambio para "convertelo nun referente en toda a comarca" e, ese cambio, engadiu, "virá da man" de Manuel Lourenzo e da candidatura que encabeza.
"É evidente que Soutomaior é un concello cun gran potencial, pero tamén é evidente que Soutomaior merece máis, e para conseguilo hai que saír da rutina dun goberno paralizado e sen ideas", manifestou Pontón.