Pontón insta a Rueda a "abandonar a soberbia política" con Altri e escoitar "o clamor contra a macrocelulosa"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante unha manifestación contra Altri
Elena Fernández - Europa Press
Publicado: lunes, 24 marzo 2025 14:33

AUDIO: La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón, sobre Altri

00:00
00:00
Download

A CORUÑA 24 Mar. (EUROPA PRESS) -

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "abandonar a soberbia política" e a "rectificar" co proxecto de Altri, que cualificou como unha "bomba ambiental".

Foi en declaracións aos xornalistas con motivo da súa visita á X edición de 'Galicia Fórum Gastronómico' na que reivindicou a importancia de preservar a produción agrogandeira e a vinculada ao marisqueo, así como a contorna ambiental.

E é que para Pontón co proxecto de Altri a Xunta "está a pór en risco toda a produción da ría de Arousa e da comarca do Ulla", dixo para destacar o "clamor contra a macrocelusosa" após a manifestación "histórica" da Pobra do Caramiñal.

"Non queremos hipotecas que poñan en risco máis de 8.000 empregos en terra e en mar", insistiu a portavoz nacional do BNG para quen Rueda "no canto de criminalizar e insultar ás persoas que democraticamente defenden o futuro deste país" debe "rectificar" "e deixar atrás" o proxecto.

"Deixar de facer de comercial dunha empresa como Altri, o despropósito do PP, no canto de defender o rural e o medioambiente, defende os intereses dunha empresa portuguesa en contra de Galicia".

Ao fío diso, Pontón lembrou que Greenalia, "a empresa da que é dirixente a exconselleira Beatriz Mato, é socio de Altri". "Un exemplo máis de como funcionan as portas xiratorias no noso país", dixo para incidir en que o futuro de Galicia non pasa por industrias contaminantes".

Mentres, sobre as declaracións da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, respecto de Altri, asegurou que "por primeira vez recoñece que é unha macrocelulosa e non unha biofábrica". Foi despois de que Vázquez, ao ser cuestionada se o era, dixese: "falar de macrocelulosa moitas veces a xente di 'o que se nos vén encima'. Pois a resposta é que hai que ver a Marín, que está á beira de Pontevedra, e todas as súas praias teñen bandeira azul".

Con todo, Pontón incidiu no feito de que a decisión sobre este proxecto "estaba tomada desde o primeiro minuto antes de que houbese un só informe". Mentres, cualificou de "tomadura de pelo que se diga que o río Ulla non abastece á poboación".

Nesta mesma xornada, preguntado o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, sobre a mobilización na Pobra asegurou que foi "unha gran manifestación" por parte de cidadáns e cidadás que exercen un "dereito fundamental".

Sobre Altri, remitiuse ás manifestacións do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, que considerou que a declaración de impacto ambiental positiva acordada pola Xunta de Galicia para o proxecto en Palas de Rei (Lugo) está "moi condicionada", alertando de que este plan "se move nunha contorna con altos valores e recursos naturais, fluviais e paisaxísticos", á vez que o desvinculou das axudas do Goberno.

Contador

Leer más acerca de: