SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Mar. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao Goberno central a que abandone a súa postura de "ambigüidade" sobre a planta de Altri en Palas de Rei (Lugo), á vez que advertiu que o proceso administrativo que depende da Xunta "aínda non está terminado" pese ao pronunciamento favorable a que a súa tramitación siga adiante ao entender desde o Executivo galego que o proxecto cumpre coas esixencias desde o punto de vista ambiental.
Nunha rolda de prensa celebrada este luns no Parlamento de Galicia, a líder frontista puxo o acento en que a tramitación administrativa do proxecto por parte da Xunta non está concluído e que faltan aínda "pasos" cara á "aprobación definitiva" ao estar pendente "a avaliación ambiental integrada" e a "autorización para a concesión de augas".
"A Xunta segue tendo no seu tellado a pelota sobre o que vai facer respecto desta bomba ambiental que está a pór en risco, non só o noso modo de vida, o noso territorio, 8.000 postos de traballo directo... senón, sobre todo, que modelo de futuro queremos para Galicia", aseverou Pontón, que subliñou que Altri "non é un modelo de futuro, é unha industria contaminante do pasado". "E iso non o queremos", apostilou.
Así as cousas, chamou a participar na mobilización do próximo sábado na Pobra do Caramiñal (A Coruña) contra a iniciativa da pasteira portuguesa e a compañía Greenalia, porque a Xunta "segue tendo responsabilidades" e porque entende que o Goberno central ten que dicir "claramente" que "non vai dar" os 250 millóns de euros que pide Altri para a súa planta na Ulloa.
E é que, ademais de en unha Xunta de Alfonso Rueda que ve "traballando" para as "empresas amigas" do PP, Pontón tamén pon o foco no Executivo central, que ten que "saír da ambigüidade" que, di, mantén sobre a planta de Altri para aclarar "se vai seguir o que pide o señor de Rueda de darlle 250 millóns e euros a unha empresa para que contamine" Galicia ou se, pola contra, "vai escoitar á cidadanía galega que onte mesmo (domingo) volveu dicir alto e claro" que quere "futuro".
"A macrocelulosa de Altri que nos quere impor o Partido Popular implica a destrución do noso medio natural, na terra e no mar", incidiu Pontón, que advirte da "ameaza" que supón, ao seu xuízo, o proxecto para a produción de comarcas agrogandeiras e pesqueiras, e que converte Galicia "nun eucaliptal". "Ou o que é o mesmo, converter Gailcia en pasto dos incendios", engadiu.
"Todo isto", segundo Pontón, porque Alfonso Rueda "traballa para as empresas amigas do PP" como Altri e Greenalia, onde exerce como directiva a exconselleira Beatriz Mato. "Non llo imos a permitir, nin o BNG nin os galegos e galegas coa súa mobilización nas rúas para defender a dignidade e o futuro fronte a un Partido Popular empeñado en vender Galicia a prezo de saldo, levándose todo por diante", concluíu.