Pontón pide a Feijóo e ao PP galego que "aparquen" a súa "guerra interna" e "non sigan hipotecando o futuro de Galicia"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nun acto celebrado este venres en Lugo
BNG
Publicado: viernes, 8 abril 2022 14:45

   Asegura que un goberno da Xunta dirixido polo BNG tomaría "medidas contundentes" para facer fronte á crise da alza de prezos

   LUGO, 8 Abr. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana pontón, pediu este venres ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao PP galego que "aparquen" a súa "guerra interna" e "non sigan hipotecando o futuro de Galicia".

   "Feijóo leva meses centrado en tapar a corrupción do PP e en coller esa alfombra vermella para ir para Madrid", censurou nun acto en Lugo, no que sostivo que esta situación, xunto á "loita entre as baronías" do PP galego pola sucesión, deixan en "fóra de xogo" á Xunta que "segue sen dar solución aos problemas do país".

   Para a líder dos nacionalistas galegos esta actitude supón unha "falta de respecto dos galegos". "As crises do Partido Popular non as ten que pagar Galicia", afirmou a dirixente do Bloque, que incidiu en que, unha vez que Feijóo escolleu "Madrid" a súa situación é "incompatible con manter a Presidencia da Xunta".

   "Preocúpalle máis solucionar os problemas internos do PP que solucionar os problemas dos galegos", insistiu para lembrar que se atravesa "a maior crise de prezos" dos últimos anos nun contexto no que o Goberno galego está "fóra de xogo" e sen "dar solucións".

    Así, despois de pedir á Xunta que aproveitase a reunión do Consello para tomar "algunha decisión para axudar ás persoas que están a padecer" esta situación, asegurou que, desde o inicio da crise pola alza de prezos, a Xunta "non tomou nin unha soa medida" para axudar ás persoas que "non poden pagar á luz, que están a ver como os carburantes soben e os seus salarios cada vez van a menos".

   Fronte a iso, destacou que un goberno dirixido polo BNG tomaría medidas "contundentes" neste momento como a defensa dunha tarifa eléctrica galega que beneficie da riqueza que ten Galicia, "subir os impostos ás eléctricas para que contribúan a paliar esta crise", a posta en marcha dun paquete de axudas extraordinarias para os sectores produtivas ou accións para garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria de forma que se pague un prezo xusto aos produtores. Ademais, defendeu a redución das peaxes nas autoestradas e o incremento de todas as axudas sociais.

"CIDADES PARA AS PERSOAS"

   Pontón pronunciouse deste xeito durante unha visita á Mosqueira, en Lugo, onde afirmou que esta actuación urbanística responde "o cambio da cidade" impulsado pola a entrada do BNG no goberno municipal, hai dous anos e medio. "Nese momento xa deixamos claro que viñamos mellorar a calidade de vida e a dinamizar o goberno municipal", apuntou.

   Neste sentido, afirmou que a transformación urbana debe procurar "cidades para as persoas e non para os coches". "Temos que conseguir espazos urbanos accesibles e igualitarios e iso responde esa concepción política en base a un novo modelo de cidade, como xa ocorre en Pontevedra", asegurou para afirmar que as cidades do século XXI deben estar ao servizo da cidadanía e ser motor da economía.

   Ademais, felicitou ao equipo municipal do BNG e ao tenente de alcalde, Rubén Arroxo, por impulsar a trasformación da cidade de Lugo.

Leer más acerca de: