Pontón propón un "sistema público forte" para a dependencia fronte ao modelo do PP que "carga ás familias"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con colectivos relacionados coa atención á dependencia
BNG
Publicado: lunes, 30 octubre 2023 15:01

   Denuncia que o Goberno do PP ten a Galicia "á cola" nesta materia con menos axudas para coidados e servizos

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo a creación dun "auténtico sistema público" para a dependencia, que reforce os servizos e equipamentos públicos para crear unha rede pública "forte" que atenda ás persoas dependentes.

   "Temos unha débeda pendente, hai que configurar un auténtico sistema galego de benestar que poña a atención ás persoas na súa contorna como prioridade", afirmou para contrapor a continuación a proposta do BNG fronte ao modelo do PP, que "aposta por drenar recursos públicos cara ao sector privado e cargar os coidados sobre as familias, particularmente sobre as mulleres".

   Despois dunha reunión con diversos colectivos e asociacións para avaliar a situación da asistencia á dependencia en Galicia, Pontón denunciou que o Goberno do PP ten ao país á "cola" nesta materia, cos "peores datos de atención en todo o Estado".

   Neste sentido, nunha rolda de prensa celebrada este luns, advertiu que Galicia ocupa o último lugar en solicitudes respecto da poboación potencialmente dependente, cunha 17% fronte ao 32% da media estatal, a pesar de que ten "a segunda poboación máis envellecida".

   A líder do BNG sostivo que a Comunidade galega ocupa o último lugar en resolucións de dependencia con respecto á poboación potencialmente dependente, o que, segundo indicou, "significa que o Executivo do PP ten menos tramitacións, pero é o que máis tempo tarda en resolvelas" porque hai "uns servizos infradotados".

   Así mesmo, alertou de que "está por baixo da media na axuda de prestacións por coidados de familiares". "A día de hoxe unha persona dependente en Galicia recibe menos axudas económicas que a media do Estado por coidados familiares, axuda a domicilio, servizo de centro de día e de noite e atención residencial", afirmou para advertir a continuación sobre o déficit de servizos públicos, cunha taxa de cobertura de residencias "moi por baixo da recomendada por institucións como a Organización Mundial da Saúde" e cun sistema "absolutamente privatizado".

   A portavoz do BNG criticou que "nesta precampaña electoral acelerada" o PP prometa "facer nestes próximos días o que non fixo en 14 anos", tentando "tapar os problemas e o déficit que deixa no ámbito da dependencia con anuncios electoralistas".

   Neste sentido, dixo que o bono para coidadores familiares non é unha axuda para todas as persoas que están a coidar a un familiar nas casas, senón exclusivamente para aquelas que teñan recoñecido algún tipo de dependencia, cando Galicia está "á cola" neste ámbito.

   Pontón tamén mostrou a súa preocupación por que o PP "volva cargar sobre as mulleres o coidado das persoas dependentes en lugar de apostar por unha rede pública que atenda estas necesidades", ofrecendo unha axuda de 416 euros ao mes, "cantidade que non chega nin á contía da Risga por facer un traballo que esixe 24 horas ao día".

   Ademais, referiuse ao bono residencia, co que asegurou que o PP segue alimentando un modelo de "privatizado con máis recursos". "Ese é o modelo do PP que en 14 anos non foi capaz de construír nin unha soa residencia pública".

   Fronte a iso, defendeu o modelo alternativo do BNG, asentado sobre dous alicerces fundamentais: en primeiro lugar, a posta en marcha dun sistema de coidados de longa duración, tanto para os coidados informais como para os profesionais; e en segundo, a prestación dunha atención sociosanitaria integrada e centrada nas persoas, que promove e garanta a coordinación dun amplo abanico de servizos públicos desde a proximidade.

   Sobre estes dous alicerces, a proposta do BNG desenvólvese sobre cinco eixos de actuación que pasan pola promoción dun envellecemento saudable e reforzar a atención ás persoas maiores ou dependentes; o despregamento dun abanico de recursos que amplíe e reformule servizos; a mellora das condicións laborais das persoas coidadoras; a planificación, avaliación e maior financiamento do sistema de coidados; e a introdución da perspectiva de xénero no diño de política públicas.

Leer más acerca de: