LUGO 1 Nov. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este venres desde Monterroso, coincidindo coa Feira de Santos, a posta en marcha do Plan Ulloa-Ulla-Arousa, para revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico das comarcas afectadas pola "bomba ambiental" de Altri.
Pontón, cuxas primeiras palabras foron de recordo ás vítimas da DANA e para pedir "unidade" fronte a esta catástrofe, destacou a "inmensa riqueza" dos produtos locais e de proximidade en "unha das comarcas agrogandeira e leiteira máis rica e produtiva de toda Galicia", como é a comarca de Arzúa-Ulloa.
Esta comarca, criticou, "atópase ameazada pola construción dunha macrocelulosa que non só afectaría de forma negativa a esta comarca", se non "tamén ao río Ulla que desemboca na Ría de Arousa, da que viven 4.000 familias".
A líder nacionalista considera un "disparate" que o goberno do PP queira "regalarlle 250 millóns de euros" a Altri "para arrasar co medio de vida da xente do rural, contaminando e destruíndo miles de empregos".
Neste sentido, Ana Pontón avanzou que o BNG vai propor que "os orzamentos de 2025 recollan unha partida de 30 millóns de euros para apoiar a comarca de Arzúa-Ulloa e para blindar a súa actividade produtiva fronte a bomba ambiental de Altri".
A medio prazo, a proposta do BNG pasa por implantar o Plan Ulloa-Ulla-Arousa, como un plan sustentable e alternativo, para revitalizar e impulsar o desenvolvemento económico das comarcas con tres eixos de actuación.
O primeiro, apoiar os proxectos económicos de transformación no medio rural que teñan capacidade para innovar e instalar empresas produtivas no ámbito agrogandeiro, con liñas de axudas específicas para PEMES e cooperativas. Un segundo punto de actuación que pasa pola recuperación do río Ulla, que tamén contribuiría a sanear toda a ría de Arousa. E finalmente, o terceiro eixo para a creación dun novo modelo forestal sustentable cun monte multifuncional e que non se limite só á primeira transformación da madeira para non "converter Galicia nun eucaliptal para macrocelulosas".