A líder nacionalista reclama ao presidente galego que rectifique para non "desaproveitar" o "acordo" logrado polo BNG co PSOE
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Sep. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "inaudito" e "disparatado" que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestase o seu rexeitamento a negociar unha quita de débeda na reunión que manterá este venres co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez; unha posición que ve "marcada desde o PP de Madrid" e que pide que rectifique.
"Para Rueda, é máis importante o que marca o seu partido en Madrid que Galicia teña unha redución da débeda que permitiría atender mellor os servizos públicos ou o coidado do medio ambiente", aseverou este mércores en rolda de prensa a líder nacionalista desde o Parlamento galego, onde censurou "o servilismo" de quen definiu como o o presidente "máis desleal da historia de Galicia".
Pontón lembrou que a negociación dunha condonación da débeda para Galicia en "os mesmos termos" que outras comunidades foi un dos puntos incluídos no acordo de investidura polo que o Bloque deu o seu apoio a Sánchez, co que mostrou o seu sopresa por que Rueda estea "disposto a desaproveitar" esta posibilidade unicamente para "antepor os intereses do seu partido" aos da Comunidade galega.
Para Rueda "primeiro está o PP, logo o PP e despois, o PP", sentenciou Pontón, que se preguntou "que pasaría" se o directivo dunha empresa recibise unha oferta dun banco para negociar unha quita de débeda e decidise descartala. "Sería un despedimento inmediato", apostilou.
O 'non' do presidente galego, manifestado o pasado martes nun foro económico no que expresou que a Galicia "non lle interesa" negociar unha quita porque "non ten un problema" de débeda, é unha decisión "disparatada" que "ningunha persona é capaz de entender" máis aló de que responda as "ordes" do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e a mandataria madrileña, Isabel Díaz Ayuso.
Pontón considera "unha desvergoña" que Rueda afirme que Galicia non ten un problema coa débeda cando esta "se triplicou" até alcanzar os 14.297 millóns de euros durante os últimos anos e constitúe a terceira maior partida nos orzamentos anuais só superada polo gasto en educación e sanidade con 1.511 millóns anuais.
Por todo isto, reclamou que rectifique porque o presidente da Xunta "non pode ir atado de mans" á reunión con Pedro Sánchez, especialmente nun momento "no que Galicia se xoga tanto" ao estar no debate a reforma do sistema de financiamento. "A axenda de Galicia non se pode decidir na sede do PP de Madrid", aseverou a líder nacionalista.
"A RUEDA NON LLE INTERESA O DIÁLOGO"
A preguntas dos xornalistas, Pontón afeou ao xefe do Executivo galego que non siga o exemplo dos seus homólogos en Andalucía e outras comunidades e convoque aos portavoces dos grupos políticos no Parlamento autonómico para abordar o encontro con Sánchez deste venres.
"Demostra que a Reuda non lle interesa o diálogo e que vai á reunión exclusivamente co guión que lle marca o PP de Madrid", engadiu Pontón.