SANTIAGO DE COMPOSTELA 14 Jun. (EUROPA PRESS) -
A viceportavoz do PPdeG e responsable de igualdade, Paula Prado, rexeitou tramitar agora unha proposición de lei do PSdeG, defendida pola deputada Noa Díaz, posto que "en semanas" iniciarase a tramitación da nova de igualdade, que xa superou a consulta previa.
Con todo, a negativa dos populares á proposta lexislativa do PSdeG, que si contou co apoio do BNG, é, en opinión da deputada socialista Noa Díaz, porque "recoñecen que non están polo labor de avanzar na igualdade de mulleres e homes".
Ademais, as deputadas do PSdeG e do PPdeG entraron nun intercambio de cifras sobre a presenza de mulleres na Administración autonómica, motivo da normativa dos socialistas, que aspiraba a garantir a presenza de mulleres nos órganos de dirección e dependentes.
Así, Paula Prado esgrimiu que no corpo superior da Administración autonómica (nivel 30 de funcionarios), a proporción de mulleres é de 57,89 por cento, fronte ao 42,11 por cento de homes. Ademais, supera o 60 por cento en ámbitos como Emprego (81,25%) ou Sanidade (77,78%).
Precisamente, con estes datos sobre a mesa, Noa Díaz rebateu que mentres que hai máis mulleres na escala superior da Administración, cando se fan os cálculos dos órganos de dirección (os que se nomean como postos de confianza), a porcentaxe de mulleres cae ao 12,5 por cento en Educación (cun 80% de mulleres na escala 30 de funcionarios) ou a un 12 por cento en Facenda (cun 55,74% de mulleres funcionarias de nivel 30).
Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil denunciou que o home "non queren renunciar ao privilexio" que lle outorga a sociedade patriarcal, pero "son precisos liderados femininos, e sobre todo, feministas, que cambien os modelos de poder" por outros "horizontais". A parlamentaria nacionalista tamén advertiu de que é un "estereotipo" dar por feito que "non discuten nin nunca alzan a voz": "Tamén somos bastante 'rabudas'".
A proposta lexislativa do PSdeG pretendía a reforma do decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.