SANTIAGO DE COMPOSTELA 15 Nov. (EUROPA PRESS) -
O PP galego leva ao próximo pleno a súa iniciativa para instar o Goberno central a "realizar as accións oportunas para manter viva a memoria das vítimas do terrorismo de ETA, especialmente entre a mocidade".
Así reza o texto resolutivo da proposición non de lei que será debatida no pleno ordinario, que arrinca o vindeiro martes, e sobre a que se terán que pronunciar BNG e PSdeG cando se cumpren 25 anos do asasinato de Miguel Ángel Blanco.
A iniciativa, que foi rexistrada o 30 de agosto, vén precedida dunha declaración institucional do Parlamento de Galicia (e por tanto, subscrita por todos os grupos) do pasado 13 de xullo, coincidindo co aniversario do asasinato do concelleiro do PP vasco que deu orixe o 'espírito de Ermua'.
Naquela declaración institucional, o Parlamento de Galicia mostrou a súa "repulsa a calquera uso da violencia" e, "de maneira moi especial", expresou "a súa rotunda condena polo asasinato do concelleiro de Ermua, Miguel Ángel Blanco, e todos os crimes cometidos por ETA".
No texto, o Parlamento de Galicia ratificou "o seu compromiso na defensa dos valores democráticos, dunha etapa de liberdade xurdida do proceso de Transición democrática, que culminou na aprobación da Constitución Española de 1978".
DESCOÑECEMENTO
Na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces deste martes, o viceportavoz do Grupo Popular Alberto Pazos Couñago advertiu de que "case o 60% da mocidade descoñece" quen foi Miguel Ángel Blanco e case o 95% dos españois "descoñece o número de vítimas" de ETA. Tamén indicou que o 70% da sociedade "descoñece" que Ortega Lara foi o secuestro máis longo perpetrado pola banda terrorista.
"Cremos que nun momento en que se pon en cuestión moitas cousas, é imprescindible recuperar o legado das vítimas e, por iso, pedimos memoria, dignidade e xustiza para a xente que pagou coa súa vida a democracia española", aseverou.