O PSdeG defende a honestidade da presidenta, unha "política con maiúsculas", e apunta á relación de Feijóo "cun narco"
VIGO, 9 Dic. (EUROPA PRESS) -
O grupo provincial do PP confirmou este xoves que solicitará a celebración dun pleno extraordinario na Deputación de Pontevedra para esixir a dimisión da presidenta do organismo, a socialista Carmela Silva, despois de que o Tribunal Supremo confirmase a condena a máis de 5 anos de cárcere para un funcionario vigués que promoveu a contratación da cuñada de Silva nunha concesionaria municipal.
Nunha rolda de prensa celebrada na sede do PP de Vigo, o portavoz do grupo, Jorge Cubela, avanzou que os 'populares' tamén pedirán a dimisión de Carmela Silva no Concello olívico, onde é primeira tenente de Alcaldía e responsable de Patrimonio Histórico.
Segundo denunciou, unha semana despois de coñecerse o fallo do Supremo, "seguen en silencio o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario provincial do PSdeG, David Regades; e o propio PSdeG". "Pero, sobre todo, quen cala é Carmela Silva. Ninguén vai asumir responsabilidades políticas?", cuestionou Cubela, quen tamén criticou que o PSdeG "indultou" a Silva.
O portavoz do grupo do PP lamentou que os socialistas "se están rindo dos seus votantes, dos cidadáns" e recalcou que manterán a súa esixencia de que se asuman responsabilidades e Silva dimita, porque quen preside a Deputación debe ser "unha persona honorable", igual que os compoñentes do goberno municipal de Vigo.
"DECISIÓN POLÍTICA"
Pola súa banda, o deputado provincial e portavoz do grupo municipal do PP no Concello olívico, Alfonso Marnotes, lembrou que a condena do Tribunal Supremo supón unha pena de prisión e tamén a inhabilitación para un funcionario por delitos "moi graves", como prevaricación, malversación de diñeiro público e falsidade documental, e apuntou á existencia dunha "trama para beneficiar economicamente á cuñada de Carmela Silva".
Segundo sinalou, "foi un diñeiro que se pagou por un traballo que non se fixo a unha persona que non tiña cualificación para o posto, que non sabía nin usar un programa informático de texto ou de datos, como ela mesma recoñeceu".
Marnotes tamén subliñou que, aínda que os implicados aseguraron que non coñecían a esta familiar da presidenta da Deputación, "o único claro é que era cuñada de Carmela Silva e por iso Carmela Silva ten que dimitir, por decencia democrática".
O portavoz municipal 'popular', que lamentou que o Concello non se personou nesta causa pese á "fraude" de máis de 108.000 euros e mirou "para outro lado", insistiu en que a contratación desa persona para un traballo que non levou a cabo, foi "unha decisión política", igual que a decisión de non personarse no procedemento.
"Carmela Silva e o goberno de Vigo estiveron mudos e inactivos. Pois que non conten coa nosa complicidade nin o noso silencio. Un funcionario municipal vai entrar en prisión por beneficiar economicamente á cuñada da presidenta da Deputación", resolveu Marnotes.
SILENCIO DE SILVA E ABEL CABALLERO
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra rexeitou este xoves pronunciarse respecto da sentenza do Tribunal Supremo e á campaña promovida polo PP para esixir a súa dimisión. "Non teño nada que dicir. O que tiña que dicir xa o dixen clarito e altito", afirmou após ser preguntada polos medios nunha rolda de prensa en Vigo.
A principios de 2019, cando se produciu a primeira sentenza condenatoria, da Audiencia Provincial, o Concello de Vigo acolleu un pleno extraordinario solicitado polo PP liderado entón por Elena Muñoz, para esixir explicacións, aínda que Silva non estivo presente na sesión. No entanto, Silva anunciou unha querela nos tribunais contra os 'populares' por "difamacións e calumnias".
Igualmente, este xoves o alcalde, Abel Caballero, eludiu valorar a sentenza. "Remítome á declaración que fixen sobre isto hai dous meses", sentenciou, aínda que o rexedor sempre evitou pronunciarse sobre ese proceso.
"IMPÚDICA PERSECUCIÓN" CONTRA UNHA PERSOA "ABSOLUTAMENTE HONESTA"
Ante o silencio da presidenta da Deputación e do rexedor olívico, si se pronunciou o grupo socialista na institución provincial, a través dun comunicado con declaracións do deputado Carlos López Font. "Só dun partido que adoita moverse nos vertedoiros pódese explicar a impúdica, infame e asquerosa campaña de persecución contra unha persona absolutamente honesta como é a presidenta da Deputación", sinalou.
Segundo López Font, están a producirse "ataques orquestrados, furibundos, baseados en calumnias e mentiras, que se saltan a legalidade 'á toureira' e que só queren pór o foco na presidenta provincial porque a temen politicamente".
Para o deputado socialista, a pesar de non querer "contaminar" a vida política, "todo ten un límite", polo que anunciou que o seu grupo estudará "todas as medidas, de todo tipo, a tomar para facer fronte a estas calumnias".
"NADA QUE VER" CO "ASUNTO XULGADO"
Ao seu xuízo, a sentenza do Supremo é "clarísima" e "demostra que a presidenta da Deputación non ten implicación ningunha no caso, que non foi investigada, nin imputada, que nin sequera foi chamada como testemuña, e que a desvincula absolutamente de calquera tipo de participación".
Por outra banda, após lembrar que o PP xa presentou unha moción sobre este caso no pleno provincial, e foi rexeitada polo secretario, acusou aos 'populares' de manter "a súa absoluta desvergoña para danar a unha persona que non ten nada que ver co asunto xulgado".
Finalmente, o portavoz do PSdeG expresou a súa "sorpresa" pola actitude do PP, "un partido condenado por corrupción", e polo feito de que se sumaron ao ataque o PPdeG e a Xunta, xa que "Galicia aínda está a esperar pola primeira comisión de investigación ou o primeiro pleno extraordinario no que o PP dea explicacións da relación do seu presidente, Núñez Feijóo, cun narco". "Que este partido, con todas as mochilas que ten ás súas costas, veña agora a tentar desacreditar a honra dunha política con maiúsculas, como Carmela Silva, é, simplemente, unha obscenidade", concluíu.