SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Jul. (EUROPA PRESS) -
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou este venres que, superados "os 50 días" desde que se lle solicitou a reunión, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, siga sen recibir nin pór data ao encontro co titular da Xunta, Alfonso Rueda.
Con esta "falta de respecto institucional", Prado interpretou que "queda claro" que Galicia "non está entre as prioridades" do xefe do Executivo central.
Nunha rolda de prensa na sede galega do PP, apuntou que "non é de recibo que o presidente do Goberno trate moito máis amablemente aos líderes internacionais que aos líderes das súas propias comunidades e que nin sequera poida facer un oco na súa axenda non só para concertar unha reunión co presidente de Galicia senón tampouco para responder a esa solicitude".
"A Moncloa non deixa de ser un estudio de televisión para Sánchez, un actor que exerce un papel de antagonista con Galicia e cos galegos", criticou, antes de sinalar que non logra entender o "desprezo continuado que vén derivado" --interpretou-- de que "cando os galegos teñen que elixir non elixen o partido".
"SILENCIO IRRESPETUOSO"
O número dous do PPdeG contrapuxo "a estabilidade política" de Galicia coa postura do Executivo central, que garda "silencio" sobre a chegada da alta velocidade ao conxunto do territorio galego, a través dos comprometidos trens Avril; o "importante problema" do derrube do viaduto da A-6; traspasar a xestión do dominio público marítimo-terrestre; a eliminación de paradas de autobús en 23 municipios; ou as medidas propostas pola Xunta para solucionar o déficit de profesionais sanitarios.
"O silencio de Sánchez sobre temas de tanta transcendencia é un silencio irrespetuoso para todos os galegos", resolveu.