O PPdeG critica que nin BNG nin PSOE apoiasen o recoñecemento a Edmundo González como presidente lexítimo de Venezuela

A secretaria xeral do PPdeG, e o responsable de Emigración do PP, Antonio Rodríguez Miranda, reúnese con intengrantes da comunidade venezolana en Galicia
PPDEG
Publicado: sábado, 14 septiembre 2024 15:56

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Sep. (EUROPA PRESS) -

   O PPdeG mantivo este sábado un encontro con integrantes da comunidade venezolana, no que celebrou que a Cámara galega recoñecese por maioría a Edmundo González como presidente lexítimo de Venezuela e condenase a "ditadura" de Nicolás Maduro, pero criticou que a iniciativa non contase co apoio nin do BNG nin do PSdeG.

   Así o sinalou este sábado a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nun encontro en Santiago de Compostela con venezolanos e venezolanas que viven en Galicia, no que estivo acompañada polo secretario executivo do PP no Exterior, Antonio Rodríguez Miranda, e polo coordinador de Acción Exterior do PPdeG, Rubén do Río.

   Os populares volveron a destacar este sábado o seu recoñecemento a Edmundo González como presidente electo lexítimo de Venezuela e a súa condena ao "réxime ditatorial de Maduro e a represión que se exerce sobre a oposición, sobre a cidadanía e sobre calquera que teña a valentía de defender os dereitos humanos".

   "O que fan o BNG e o PSOE, non recoñecer a Edmundo González como presidente, é descoñecer o voso voto, negarvos o voso dereito soberano a elixir os vosos representantes e furtarvos a democracia", sostivo Paula Prado ante a comunidade venezolana presente.

    Prado sostivo que o "BNG non engana a ninguén" e que "foi coherente coa súa ideoloxía radical", porque "votou o mesmo no Congreso como no Parlamento de Galicia. "Que vergoña", incidiu para criticar que "o independentismo galego nin cambia de opinión nin se molestar en esconder o seu total apoio ao réxime de Maduro".

   Neste sentido, asegurou que "o mesmo día das eleccións" o BNG manou alí aos seus propios observadores "a exercer de palmeiros, a dicir que notan unha "melloría a nivel económico e social" cada vez que van e que "Venezuela vai cada vez máis a mellor".

   "Ademais, axiña que como Maduro consumou a súa fraude electoral, non tardaron en redactar un comunicado oficial no que saudaban ao reelecto presidente e desexaban paz e prosperidade ao pobo venezolano".

   "Que dirían eles se despois das eleccións autonómicas o PPdeG, que gañou con maioría absoluta limpa e democraticamente, mandase á policía a deter á señora Pontón ou ao señor Besteiro? Pois iso é o que eles están a apoiar co seu non á iniciativa do PP", abundou a secretaria xeral.

"O PSOE SEGUE A TESE DE ZAPATERO"

   Así mesmo, a parlamentaria popular censurou que o PSOE votase en contra en Madrid e que aquí en Galicia "fosen aínda máis covardes", ao optar pola abstención. "Absterse é tanto como porse á beira do ditador e non recoñecer o voto que fixestes libremente todos os venezolanos. Esa liberdade e esa democracia pola que seguides loitando e que vos furtaron, o soño de seguir sendo libres", manifestou.

   "Os socialistas, liderados por Pedro Sánchez", remarcou Paula Prado, "o único que está a facer é seguir a tese de Zapatero, que o que fai é blanquear moitos anos esa ditadura, porque ten intereses alí", apuntou.

   "O que está a facer o Goberno central, por moito que agora a ministra Carballos recoñeza que é unha ditadura, é instrumentalizar a Edmundo González, xa que seguen negándose a recoñecelo como presidente lexítimo de Venezuela", afirmou Paula Prado.

   A secretaría xeral do PPdeG trasladou aos presentes que "non están sós" e que "contan co apoio do presidente Alfonso Rueda e de todo o PPdeG". "Seguiremos ao voso lado, loitando convosco, apoiando todas as iniciativas que estades a levar a cabo nas cidades e demais concellos para loitar por democracia e pola liberdade en Venezuela, pero sobre toda pola verdade", concluíu.

Contador

Leer más acerca de: