O PPdeG pide a dimisión dunha concelleira do BNG da Estrada polos seus comentarios sobre o aborto de Ayuso

Archivo - Arquivo - A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en declaracións aos medios na sede dos populares.
PPDEG - Archivo
Publicado: sábado, 15 julio 2023 13:26

   "Nin o bebé quere ser o seu fillo...", expuxo a edil nacionalista, que xa pediu desculpas polo seu "desafortunado comentario"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pediu a dimisión da concelleira do BNG do municipio pontevedrés da Estrada, Vanesa Iglesias Casal, por comentarios en redes sociais sobre o aborto sufrido esta semana pola presidenta da Comunidade de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso.

   En concreto, Iglesias Casal respondeu nunha información compartida polo xornal HuffPost, onde se informaba do ocorrido, cun comentario no que podía lerse: "Nin o bebé quere ser o seu fillo...".

   "Se Ana Pontón non pide a dimisión desa concelleira, entón é cómplice desas palabras", reprochou a secretaria xeral dos populares galegos.

   Así mesmo, Prado, que visitaba este sábado o Mercado do Calvario, en Vigo, xunto a candidatos ao Congreso e ao Senado pola povincia de Pontevedra, criticou do BNG o seu "feminismo de pancarta e de slogan", pero non, engadiu, "en defensa dos dereitos da muller".

   Neste sentido, lembrou o seu apoio á Lei do só si é si que "converteu os dereitos das mulleres nun paso atrás coa redución de penas a máis de 1.000 pederastas e agresores sexuais e a saída de prisión antes de tempo de 117 delincuentes".

   A edil nacionalista da Estrada xa pediu desculpas nas súas redes sociais polo seu "desafortunado comentario", que considera "totalmente improcedente e fóra de lugar". Ademais, trasladou a Ayuso o seu desexo dunha "pronta e total recuperación" e, de novo, reiterou as súas "sentidas desculpas".