O PPdeG pide á Xunta elaborar unha programación que celebre o 45 aniversario da aprobación da Constitución

Publicado: martes, 6 diciembre 2022 15:05


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Dic. (EUROPA PRESS) -

O PPdeG rexistrou unha iniciativa de impulso no Pazo do Hórreo coa que aspira a que o Parlamento inste á Xunta a elaborar unha programación que celebre o 45 aniversario da aprobación da Constitución española.

Na exposición de motivos, os populares remarcan que a aprobación da Carta Magna en 1978 deu inicio "a unha nova etapa histórica" en España, e lembran que o texto constitucional, presentado o 31 de outubro e ratificado en referendo polos españois o 6 de decembro, entrou en vigor uns días máis tarde ese mesmo ano.

A proposición non de lei do PPdeG tamén incide en que o proceso previo á súa aprobación non tivo "un camiño fácil", xa que se necesitaron meses de traballo entre os distintos grupos políticos que, "con perspectiva e responsabilidade de país", alcanzaron "acordos históricos" que, máis de catro décadas despois, "continúan vixentes".

"Tamén os cidadáns entenderon o momento que estaban a vivir e votaron a favor do texto constitucional coa mirada posta na concordia e no entendemento", agrega a exposición de motivos.

"FUNDAMENTO DO ESTATUTO DE AUTONOMÍA"

A iniciativa popular reivindica o papel "fundamental" da Constitución para consolidar o Estado de Dereito e que foi "o sustento sobre o que se perfilou a organización territorial" do Estado, o que "permite á Comunidade" galega "gozar de institucións propias e dun nivel de autonomía e de liberdades sen precedentes, ao ser fundamento do Estatuto de Autonomía".

"O case medio século de vixencia da actual Constitución Española é unha proba da súa vitalidade. O próximo ano 2023, coincidindo co 45 aniversario da súa aprobación, temos a oportunidade de reflexionar sobre o seu impacto, o papel dos distintos actores implicados na súa elaboración e celebrar os avances sociais que experimentou Galicia, a toda España, dentro deste marco constitucional", remata.

Leer más acerca de: