SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Dic. (EUROPA PRESS) -
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, cualificou de "absolutamente vergoñosa" e de "teatrillo" a protesta realizada este xoves por Greenpeace no complexo administrativo da Xunta en San Caetano, en Santiago de Compostela, para esixir a retirada do proxecto industrial que planea Altri para Palas de Rei (Lugo).
Preguntada polos medios nunha rolda de prensa, Prado dixo que non pode "concordar con esta forma de protestar", referíndose a episodios anteriores da mesma organización que supoñen "ataques ao patrimonio" de Galicia, por exemplo a pancarta que descolgou dun dos balcóns da Catedral compostelá o pasado mes de xuño.
Ademais, a dirixente popular lamentou outras accións como "pintadas en paredes e na pedra, en pasos de peóns, en farois públicos e en colectores", porque "todo iso ten un custo importantísimo" para as arcas das administracións públicas.
Neste contexto, Prado lembrou que mesmo o Concello de Pontevedra, gobernado polo BNG, aprobou unha ordenanza "para multar que se peguen adhesivos" no mobiliario urbano.
O 'número dous' do PPdeG cre que estes "ataques ao patrimonio ou ao mobiliario público nada achegan ao futuro de Galicia" nin á "protección" do medio ambiente "que tanto din defender" os activistas.
Así mesmo, fronte á petición realizada este xoves por Greenpeace na Xunta, acompañada dunhas 550.000 firmas, para que se emita unha declaración de impacto ambiental negativa contra a factoría, Prado asegurou este trámite fano "técnicos", en base á "lexislación ambiental", e "non políticos".
"Se eses informes son positivos, non entendemos cal é a protesta, porque falamos de que están en xogo miles de postos de traballo para Galicia", sinalou.
A secretaria xeral do PPdeG relacionou este asunto coa "frustración" da oposición tras "perder as eleccións" o pasado mes de febreiro. Así, pediu que fagan "propostas en positivo, que constrúan unha Galicia mellor e que deixen de envorcar esa rabia" en cuestións "que nada favorecen ao futuro" da Comunidade.
Esta acción de Greenpeace prodúcese a tres días da manifestación contra Altri convocada para este domingo pola Plataforma Ulloa Viva en Santiago, para a que o BNG xa anunciou o seu apoio.