O caso pasa ao Xulgado de Violencia sobre a Muller que o investigará por un delito de asasinato en grao de tentativa
VIGO, 15 Sep. (EUROPA PRESS) -
O Xulgado de Instrución número 1 de Vigo decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para o home que asperxeu con gasolina e prendeu lume a súa exparella.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o acusado, de 41 anos e veciño de Gondomar, acolleuse ao seu dereito a non declarar.
O caso pasa agora ao Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo que investigará ao home, B.R.R., por un delito de asasinato en grao de tentativa.
Os feitos producíronse ás 09.00 horas do sábado cando o home se dirixiu ao domicilio da vítima na estrada de Valadares, asperxeuna con gasolina e prendeulle lume.
A muller, conseguiu apagar ela mesma as chamas e os seus berros alertaron aos familiares. Pola súa banda, o home dirixiuse a un bar próximo onde, segundo fontes da investigación, foi detido polos axentes, aos que tentou agredir cunha botella de cervexa.
A vítima foi evacuada ao hospital de Povisa co 35% do seu corpo queimado.
ANTECEDENTES POLICIAIS
Segundo fontes consultadas por Europa Press, o agresor conta con antecedentes policiais por tenencia ilícita de armas.
En 2010 a Garda Civil abriu unha investigación pola morte dunha moza por un disparo na súa casa de Gondomar e detivo ao que naquel entón era o seu noivo, B.R.R. --agora arrestado por este caso--.
Naquel suceso, a moza foi atopada morta cun tiro na tempa na habitación da súa casa.