Prospera a primeira moción de censura do mandato en Galicia: o PP perde O Irixo (Ourense) a mans de Xuntos e PSOE

A alcaldesa entrante de 'Xuntos polo Irixo', Susana Iglesias, durante unha moción de censura no Irixo, a 29 de agosto de 2023, en Ourense, Galicia (España). O pleno municipal do Irixo (Ourense) deu luz verde á moción de censura, a primeira de
Rosa Veiga - Europa Press
Publicado: martes, 29 agosto 2023 14:26

   A independente Susana Iglesias convértase en alcaldesa grazas ao pacto co PSOE, que asumirá o bastón de mando en 2026

   O IRIXO (OURENSE), 29 Ago. (EUROPA PRESS) -

   O municipio ourensán do Irixo converteuse este martes no primeiro concello do mandato que cambia de alcalde a través dunha moción de censura despois de que prosperase o acordo entre Xuntos polo Irixo e PSOE que arrebata o bastón de mando ao xa ex rexedor Manuel Cerdeira.

   Coa aprobación no pleno deste martes da moción de censura, a indepediente Susana Iglesias asumiu o bastón de mando, que deberá ceder no último ano do mandato (2026) ao Partido Socialista en virtude do pacto de goberno que selaron o pasado 11 de agosto.

   A sesión plenaria transcorreu con celeridade e sen incidentes. Após constituírse a mesa de idade, a secretaria municipal encargouse de presentar os fundamentos da moción, que tanto os independentes como os socialistas desenvolveran na exposición de motivos da mesma.

   Baseáronse en catro puntos que este martes ratificaron nas súas intervencións, pondo en primeiro termo que "non houbo apoio maioritario" para que o popular Cerdeira seguise como rexedor "como si sucedía nos últimos anos co seu antecesor".

   En segundo termo, recalcaron que o alcalde se atopaba nunha situación de minoría que "non lle permitiría gobernar en beneficio dos veciños" e tamén incidiron que a situación do concello "é o resultado da nefasta xestión do actual alcalde e o seu grupo de goberno", aos que acusaron de "abandonar a atención aos veciños" e "as súas necesidades".

   Por último, os socios de goberno concluíron que a vecinanza "non merece" un rexedor e un goberno municipal que "herdaron a oportunidade de traballar" e "no seu lugar preferiron pasear e viaxar a Madrid e outros lugares", "a feiras e mercados" no canto de "visitar e arranxar os pobos".

   Con este acordo, o Partido Popular perde a alcaldía que ostentaba desde que entrou en 1995 o anterior alcalde, Manuel Penedo, quen pasou de Centristas de Galicia ás filas do PP nese ano, e mantívose no poder até o seu falecemento en 2019, cando asumiu a alcaldía Manuel Cerdeira.

   Precisamente Cerdeira fora elixido alcalde o pasado 17 de xuño en minoría, co apoio de 4 edís fronte aos 5 que sumaban Xuntos polo Irixo (3) e o PSOE (2), que asinan a moción de censura que saíu adiante co cinco votos favorables de independentes e socialistas e o catro en contra do Partido Popular.

   Deste xeito, Susana Iglesias é a nova alcaldesa do municipio até maio de 2026, momento no que asumirá o cargo o candidato socialista e portavoz do Goberno Municipal, Iago Fariñas, durante o último ano de mandato.

"TRADUCIR" O CAMBIO "EN FEITOS"

   Ao termo da votación, aclamacións e aplausos e berros de 'alcaldesa!' foron o pano de fondo do primeiro discurso da nova rexedora que agradeceu o apoio de todos os veciños, así como o dos seus compañeiros de partido e dos concelleiros socialistas, asegurando que agora o cambio "toca traducilo a feitos".

   "Traballaremos por e para os veciños", sostivo Iglesias, que prometeu "estar á altura" para que os veciños "sentan representados". "Que viva O Irixo!", concluíu.

   "Isto estaba un pouco apagado e queremos cumprir o noso programa e o do Partido Socialista, imos ser unha coalición e imos tratar de facer o mellor para os nosos veciños", sostivo en declaracións aos medios após finalizar a sesión.

    A pesar de ser a primeira moción de censura de toda Galicia após as eleccións, dixo "non querer entrar en polémicas de ningún tipo" e manifestou o seu "orgullo" por ser a alcaldesa da localidade ourensá, á que garantiu que traballará "para devolver a ilusión".

   Tamén explicou que o acordo non foi feito con anterioridade á investidura por "falta de tempo e inxenuidade". "Nunca deixamos de negociar e reunirnos e chegamos a un acordo. Facemos un equipo estupendo", resolveu Iglesias, que afirmou que resistirán o catro anos de mandato repartíndose o bastón de mando ao terceiro ano "porque somos xente de palabra".

   Unhas palabras ás que se sumou o tenente de alcalde, Iago Fariñas, qe defendeu que as formacións tardaron en entenderse "porque isto non é organizarse para unha romaría, é organizarse para gobernar un concello serio" e aínda que foi consciente de que "haberá problemas como en todas as familias", prometeu que traballarán "como un só equipo, cun bo acordo para todos os veciños".

ALCALDE SAÍNTE

   Pola súa banda, Manuel Cerdeira, o rexedor saínte, insistiu en que o único obxectivo que tiñan ambas as formacións "era botar ao alcalde" sen proporcionarlle sequera "os cen días de graza da democracia".

    "Pasaremos á historia por ser a moción de censura máis rápida de toda a democracia", lamentou o popular, quen, no entanto, quixo "tender a man" ao novo goberno para "colaborar no que sexa necesario".

    Ademais, ante os múltiples veciños presentes na sala de plenos do consistorio, manifestou que "xa queda un día menos para que este goberno volva ao partido que mira polos intereses dos veciños e ao cal represento".

Leer más acerca de: