O PSdeG afea a Feijóo que tache de "irresponsable" a reforma laboral: "Irresponsabilidade é manter a precaridad"

A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta nunha rolda de prensa
PSDEG
Publicado: jueves, 3 febrero 2022 14:02

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Feb. (EUROPA PRESS) -

   O PSdeG afeou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, as súas palabras sobre a reforma laboral que se debate este xoves no Congreso dos Deputados despois de que o mandatario do PP en Galicia sinalase que o apoio do seu partido á proposta do Goberno sería "unha irresponsabilidade".

   "Irresponsabilidade é manter a precaridade que hai no país e non pór medidas", aseverou a parlamentaria socialista na Cámara galega Carmen Rodríguez Dacosta nunha rolda de prensa celebrada no Pazo do Hórreo na mañá deste xoves.

   A deputada incidiu en que a reforma pactada polo Goberno con patronal e os dous principais sindicatos (CCOO e UXT) "pode reverter a situación de precaridade" que, di, existe no mercado laboral galego, grazas, segundo Rodríguez Dacosta, á aposta "pola creación de emprego indefinido".

   A temporalidade foi un dos elementos sinalados pola parlamentaria durante a súa comparecencia ante os medios para soster o argumento de que a situación do mercado laboral de Galicia empeorou durante a etapa de Feijóo á fronte da Xunta de Galicia.

   Así, a deputada apuntou á perda "do 9,9%" das horas traballadas na comunidade no período transcorrido entre 2008, último ano do goberno bipartito entre PSdeG e BNG antes do regreso dos populares a San Caetano, e o recentemente concluído 2021.

   "Esa é a herdanza de Feijóo en materia laboral", aseverou Rodríguez Dacosta, que tamén incidiu nas "fortes caídas" no volume de emprego de "sectores estratéxicos" como a gandaría e agricultura, a industria téxtil (24,8%), a química e farmacéutica (14,9%) ou o naval (38,8%).

   Así, advertiu que Galicia continúa "á cola" do Estado en creación de emprego como, di, reflicten os datos da Enquisa de Poboación Activa do último trimestre de 2021, no que os postos de traballo en Galicia aumentaron "catro veces e media menos" que no conxunto estatal.

"MANUPILACIÓN DE CIFRAS"

   A isto, Rodríguez Dacosta engadiu que o Executivo de Feijóo "manipula os datos" do paro, unha práctica que, segundo a socialista, realizábase durante a etapa de Manuel Fraga na Xunta e que se retomou coa chegada do presidente galego desde 2009.

   A socialista sostén que o INEM emprega "claves" para que os demandantes de emprego "non computen" nas listas do paro, unhas "trampas" que, sostén, empregáronse "en plena pandemia" para "maquillar" uns datos que "hai que coller con pinzas".

   Ademais, acusou ao Executivo de Feijóo de manter unha "baixa execución" das partidas orzadas para políticas de emprego, posto que, segundo Rodríguez Dacosta, en 2020 quedaron sen executar 135 millóns de euros contemplados para accións deste tipo.

   "Os orzamentos en materia de emprego son cada ano un acto de propaganda porque non se executan. A Feijóo o emprego impórtalle pouco", aseverou a parlamentaria, que instou á Xunta a refozar "con máis recursos, medios humanos e técnicos" os servizos de emprego na comunidade.

Leer más acerca de: