O PSdeG celebrará en setembro as primarias para elixir candidato á Xunta

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, intervén ante o comité nacional
EUROPA PRESS
Actualizado: domingo, 11 junio 2023 14:46

  

Formoso carga contra os "derrotistas", pide "non dar nada por perdido" para o 23X e apela á mobilización

 

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 (EUROPA PRESS)

 

Os socialistas galegos celebrarán as súas eleccións primarias para escoller á candidata á presidencia da Xunta o próximo mes de setembro, tal e como anunciou este sábado o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.

 

"Anúnciovolo con tempo e sen trampas. Nada de convocar unhas primarias 15 días antes", sostivo Formoso, que lembrou que el mesmo se comprometeu na pugna contra Gonzalo Caballero a convocar este proceso co tempo suficiente para que todo o que queira se poida presentar ao proceso e explicar o seu proxecto á militancia.

 

Formoso, que emprazou aos seus a "estar preparados", aproveitou a súa intervención no comité nacional do PSdeG para facer o seu anuncio ante o que é o máximo órgano de decisión do partido entre congresos, unha cita para a que se acreditaron máis de 200 persoas --segundo os datos da organización--.

 

Na súa intervención, defendeu a democracia interna nun partido no que "cada militante pode pór a un presidente da Xunta e a un presidente do goberno" e advertiu aos seus de que o titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, convocará as eleccións autonómicas en función dos seus intereses e os do PP.

 

"A convocatoria non vai ir en función dos intereses xerais nin moito menos, senón en función dos de Alfonso Rueda ou, o que é peor, en función dos de Alberto Núñez Feijóo", sostivo após considerar que a Rueda treméronlle " as pernas" antes de convocar os comicios para que coincidisen coas xerais do 23 de xullo porque a esquerda "está moi por encima" da dereita en Galicia.

 

Despois deste anuncio, Formoso aproveitou para referirse á presenza do delegado do Goberno en Galicia e cabeza de lista do PSdeG ao Congreso pola provincia de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, na cita.

 

"Hoxe temos aquí unha cara que levamos moito tempo, demasiado tempo sen ver neste comité nacional. Hoxe temos aquí a José Ramón Gómez Besteiro", sinalou. Precisamente, o nome do político lucense soa con forza no partido como posible candidato a estas primarias nas que o PSdeG elixirá o seu candidato á presidencia da Xunta.

 

BALANCE DAS MUNICIPAIS

 

O secretario xeral do PSdeG interveu nun comité nacional que arrincou cun minuto de silencio polo falecemento da socialista viguesa Fini Silva, irmá da presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

 

No seu discurso, fixo balance das municipais e abordou a convocatoria das eleccións xerais para o próximo 23 de xullo. Así, emprazou ao partido a "facer autocrítica e revisar as políticas" para ver os fallos e os acertos nunha convocatoria na que os socialistas galegos obtiveron 420.000 votos, o 30 por cento fronte ao 38 do PP e o 18 do BNG. "Par nada estamos contentos e satisfeitos, pero tampouco imos ser catastrofistas por un resultado que o PP e Rueda subscribirían", sinalou.

 

Formoso apuntou que os socialistas van ser "o partido das 100 alcaldías" con posibilidade de aumentar o número de gobernos grazas ao acordo co BNG, e liderando os gobernos de Vigo, A Coruña ou Lugo, e encabezando as deputacións da Coruña e Lugo, e con posibilidades de gobernar na de Ourense, "no aire" pola perda da maioría do PP. Deste xeito, sinalou que o Partido Socialista ten a "obrigación" de presidir esta última deputación provincial para "abrir Ourense ao futuro" após décadas "patrimonializada polos Baltar" e "á marxe dos avances democráticos do país".

 

O secretario xeral do PSdeG aplaudiu o adianto das xerais co que "o presidente do goberno tomou unha decisión valente que rompeu a cintura política" do país para darlle a voz ao pobo despois dunhas municipais nas que considerou que "a diferenza non é tan alta" e que dependerá da mobilización do electorado socialista.

 

"QUEN SEXA DERROTISTA SABE ONDE ESTÁ A PORTA"

 

Neste sentido, chamou a "non dar nada por perdido" porque "este país non se construíu asumindo derrotas nin este partido asumindo escenarios negativos", polo que emprazou a saír a competir "coa ilusión de conectar coa sociedade", sen dar "nada por perdido" e desterrando o derrotismo: "quen sexa derrotista sabe onde está a porta", remarcou.

 

Despois de advertir do risco de que "outro home de negro" presida a Moncloa e lembrar os "recortes" de Mariano Rajoy en educación, sanidade, vivenda, prestacións ou pensións, sinalou que o partido afronta as eleccións coa aspiración de gobernar en solitario despois de demostrar que integra a "columna vertebral" do país, após catro anos de "difícil cogobierno" cun socio que demostrou "prepoetncia" e que puxo as pelexas internas "por encima do interese social", polo que foi castigado nas pasadas eleccións.

 

INTERVENCIÓNS

 

Xa a porta pechada, unhas 25 persoas tomaron a palabra para trasladar as súas reflexións, varias en relación aos resultados obtidos pola formación nas municipais do 28 de maio.

 

Conforme indicaron fontes presentes no comité, mentres que varias persoas destacaron que o resultado en Galicia é "algo maior que o de España" e apelaron a "entender o contexto" --en relación á caída de apoio ao PSOE no conxunto do Estado--, afíns ao exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediron autocrítica ao argumentar que a porcentaxe de caída de apoio ao PSOE "foi o triplo" en Galicia.

 

Afíns ao exsecretario xeral tamén mostraron o seu malestar polas palabras pronunciadas por Formoso, nas que asegurou que "quen sexa derrotista sabe onde está a porta" e lembraron que o Partido Socialista é un partido "democrático".

 

Ademais, na sesión, houbo intervencións de agradecemento ás persoas que non repiten nas listas electorais para o próximo 23 de xullo, así como para socialistas que non revalidaron alcaldías.

 

No comité nacional púidose ver ao socialistas como o delegado do Goberno e número uno por Lugo ao Congreso, José Ramón Gómez Besteiro; o alcalde de Santiago en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, e socialistas que foron deputados e senadores na lexislatura que acaba, como Guillermo Meijón e Xoaquín Fernández Leiceaga. Non asistiu o exsecretario xeral e deputado autonómico, Gonzalo Caballero.

Leer más acerca de: