O secretario de Organización do PSdeG insta a Alfonso Rueda a apartar a Candia como candidata á Alcaldía de Lugo
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 Mar. (EUROPA PRESS) -
O Partido Socialista de Galicia difundiu este venres documentos nos que figura o nome da actual candidata do PP á Alcaldía de Lugo, Elena Candia, como persona que entrega á Fiscalía os anónimos que orixinaron a investigación xudicial contra o que fose secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016, José Ramón Gómez Besteiro.
En concreto, o PSOE provincial de Lugo difundiu un escrito entregado na Fiscalía Provincial de Lugo o 5 de marzo de 2013 no que o Grupo Provincial do PP, do que era entón portavoz Candia, fai entrega de dous documentos nos que sinala que "se describen accións de gran relevancia" e "posible incumprimento da legalidade".
Ademais, os socialistas lucenses informan doutro documento, neste caso do 14 de marzo, no que Elena Candia fai unha declaración testifical ante o fiscal e di que "o escrito que presentou en Fiscalía fíxoselles chegar ás súas oficinas da deputación de forma anónima" xa que "o atoparon dentro dun sobre en branco sen ningunha anotación".
Nestes documentos, segundo indicaron fontes socialistas, fan referencia ás denuncias contra o que era xefe de protocolo da Deputación de Lugo, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, por un suposto delito de acoso laboral a unha funcionaria. Esta peza deu orixe á Operación Pulpo, iniciada por Pilar de Lara, sobre irregularidades na institución provincial, a última causa na que o que fora líder do PSdeG e presidente desta institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, figurou como investigado. A peza foi arquivada.
O PSOE de Lugo cualifica a actuación da candidata do PP á Alcaldía de Lugo como unha "artimaña mezquina" coa "única vontade de sacar rédito electoral e destruír" ao por entón secretario xeral do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta.
LAGE PIDE A DIMISIÓN DE CANDIA
Ademais, despois de que o xoves o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, pedise ao PSdeG que "tente non facer política" e asegurase que os socialistas sabían "dabondo" que "non é certo" o asunto dos anónimos, o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, sostivo que "queda demostrado que o PP utilizou anónimos para sacar a Besteiro da política".
"Rueda ou mentiu onte cando aseguraba que era falso o que eu dicía ou ignoraba as prácticas miserables de Elena Candia como portavoz do PP provincial de Lugo", asegurou Lage, que insta a Rueda a cesar a Candia como candidata á Alcaldía de Lugo.
"Candia está inhabilitada para representar aos veciños de Lugo, a utilización de anónimos para sacar a Besteiro da política é en grao sumo rastrero que vimos nos últimos tempos", subliña.
Por iso, considera que "ou Rueda toma decisións con Candia e césaa" ou "estará a lle dar cobertura a prácticas miserables coa utilización de armas prohibidas en política e na vida mesma".