SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Abr. (EUROPA PRESS) -
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Laura Seara, expresou este xoves o apoio deste partido ás reivindicacións das escritoras galegas que reclaman ocupar máis postos na Real Academia Galega (RAG).
Tras a presentación este xoves dun manifesto para reclamar o aumento de presenza feminina entre os académicos galegos, Laura Seara recordou que esta mesma solicitude a realizou o pasado ano o PSdeG, tras constatar que nas reais academias españolas só hai un 6 por cento de mulleres do total de 543 académicos.
En concreto, os socialistas recordaron que na Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación non hai ningunha muller, mentres que na Real Academia Española hai un 11,36 por cento de féminas de 44 académicos.
Por outra banda, Laura Seara resaltou que os datos relativos ao número de reitoras, catedráticas e persoal docente investigador feminino "non responden á cualificación das mulleres galegas e españolas", xa que o 60 por cento do estudiantado universitario está composto por mulleres e unicamente hai un 15 por cento de catedráticas.
Estes datos, para a socialista, "evidencian que a incorporación das mulleres aos postos de maior responsabilidade no ámbito das universidades e as academias non evolucionou en coherencia coa revolución que supuxo a incorporación das mulleres aos mundos de saber e da investigación", sentenciou.