SANTIAGO DE COMPOSTELA 8 Abr. (EUROPA PRESS) -
A portavoz de Facenda do PSdeG no Parlamento galego, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou a "fiscalidade insolidaria" do Goberno galego e avanzou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta que retire o recurso presentado ante o Tribunal Constitucional contra o imposto ás grandes fortunas.
Nun comunicado, lamenta o recurso presentado polo Goberno galego "contra un imposto temporal deseñado para gravar ás fortunas de máis de tres millóns de euros durante os exercicios 22 e 23".
"Esta decisión vai na liña dos beneficios fiscais que vén de aplicar o Goberno galego para favorecer ás persoas que máis ingresos teñen, aumentando as bonificacións á cota do imposto sobre o Patrimonio até o 50 por cento para os patrimonios de máis dun millón de euros", indica.
A parlamentaria socialista sinala que "aquelas persoas que máis teñen deben contribuír un pouco máis en momentos difíciles para dar cumprimento ao mandato constitucional da progresividade na carga impositiva".
Por iso reclámalle á Xunta que "retire o recurso ante o Tribunal Constitucional sobre a Lei que crea o imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas".