O PSdeG non recorda "un ataque ao galego" como o de Feijóo "dende os Reis Católicos" e esixe a retirada o decreto

Actualizado: jueves, 20 mayo 2010 19:46

OURENSE 20 May. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, reprobou hoxe que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "está a escribir un dos episodios máis lamentables" de "ataques sufridos" polo galego "dende os Reis Católicos" e, ante esta situación, esixiu a retirada do decreto que regula a utilización da lingua propia no ensino non universitario.

"Non hai precedentes dun ataque sistemático de tal dimensión", incidiu, tras criticar que o máximo mandatario autonómico "está facendo do galego un pimpampun". "Cada día di unha cousa", evidenciou, para criticar que, en principio, se optou por dividir as horas lectivas en tres terzos entre o galego, o castelán e o inglés, para logo fixar un 50-50 entre os dous idiomas cooficiais; e que se pasou de tratar de impoñer a consulta á súa retirada.

Ante esta situación na que, a xuízo do socialista, "toda Galicia está desgustada" co decreto, reclamou a súa retirada para consensuar un entre todas as forzas políticas en comisión parlamentaria. "Temos un conflito lingüístico que vai chegar ás aulas e non pode ser", incidiu, para mostrarse partidario de "parar e buscar entre todos un consenso".

Pola súa parte, o deputado do PSdeG José Luis Méndez Romeu, en rolda de prensa en A Coruña, mostrou a súa "satisfacción" pola retirada da consulta, xa que "evitará o oprobio que pasou o Goberno galego coa lei non nata das caixas, na que perdeu bastantes meses".

De feito, para o parlamentario socialista, esta consulta é "estraña" e "sen garantías" e "envelenou as relacións na comunidade escolar". Fronte a isto, recordou que, dende os anos 80, o seu partido aposta polo "equilibrio das dúas linguas no ensino".